Fabas van e fabas veñen

A cousa ten coña. Galicia manda para Asturias unha gran parte da súa produción de fabas e despois, polo que se ve, algunha volve para aquí, despois de que lle cambiaran o nome, claro está.

En Meis péganlle forte á culler. En pleno xullo fan a festa dos callos e ao comezar setembro a da fabada, que é un guiso asturianos por moito que en Galicia tamén se guisaron fabas dende sempre.

Postos a celebrar a festa da fabada, parece preciso que as fabas sexan asturianas, así que aló van mercar os 270 quilos que precisaron, tal como asegura La Voz de Galicia, que non especifica se tamén o lacón, os chourizos ou a morcilla viñeron do país veciño. Postos a ser puristas, puideron ata traer a auga da fonte de Covadonga.

Para rematar a faena, o antecitado xornal titula hoxe que “Meis agota las ricas fabes”. Estes da Voz aínda non dan unha a dereito coas pobres fabas: ou lles chaman “habas”, que non son tal, ou teñen que recorrer ao asturianísimo “fabes”. Se un día escriben sobre o queixo de Cabrales agardo que nos ilustren dicindo que se fai con leite de “vaques”, “que no te se moi bien como se dice en jallejo”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *