Non so de conservas vive o bonito

Hoxe fun á peixería buscar bonito para facer unha caldeirada con patacas, cebola e pementos, o que os vascos chaman “marmitako” e quedei desagradablemente sorprendido polo prezo a que se estaba a vender o peixe, que en rodas ía polos 9,75 euros o quilo e a ventrecha, tal se quita do peixe, con tódolos seus ósos, poñíase nos 14,49 euros por quilo.

Unha vez máis, alguén se forra á costa do consumidor, do pescador e do país ao completo, xa que afundir un sector que da de comer a tanta xente non vai ser bo para ninguén, polo menos para ninguén en Galicia, e so algúns de fora van aproveitar a oportunidade que lles brindamos.

De volta á casa vexo en El Progreso que a semana pasada o prezo de referencia do bonito desembarcado nos portos galegos foi de 2,45 euros por quilo, fronte aos 5 da campaña anterior. A diferenza entre o que se paga en lonxa e o que se cobra na peixería é moi grande, por moito que eu viva a máis de 150 quilómetros de Burela, que non é distancia comparada coa que percorren os mariñeiros detrás do noso príncipe azul.

As páxinas de economía e mar do xornal contan que a situación do sector é este ano peor que nunca por causa, parece ser, das importacións de bonito de inferior calidade, cousa que ao parecer aos intermediarios e conserveiras non lles preocupa moito. Claro que comezarán a preocuparse cando o consumidor actúe coma eles e prefira as conservas baratas procedentes do suroeste asiático, por moito que nos queiran vender a burra coxa da calidade. Se mercan mal bonito, procedente de volantas, mazado, malas conservas van facer.

O bonito que ofrecían hoxe na peixería do meu supermercado estaba despezado. Dunha parte a ventrecha, e o resto torado. Faltaba a cola e non había nin sinal da etiqueta verde que acreditaría a súa procedencia do porto de Burela e, polo tanto, da flota artesanal galega. A carne do peixe semellaba algo mazada, non sei se por proceder dunha pesca pouco selectiva ou das escasas mañas da dependenta que atendía o posto, e que hoxe vin alí por primeira vez, substituíndo á “titular” que imaxino andará disfrutando dunhas merecidas vacacións.

Naturalmente, non comprei un peixe que non me tiña boa pinta, e por derriba estaba caro. Renunciei á caldeirada e rematei comendo outro peixe á prancha.

Unha boa parte do problema do bonito está no escaso consumo que do mesmo facemos en fresco en Galicia, xa que fóra da Mariña de Lugo e o norte da provincia da Coruña, é practicamente nulo.

Xa teño escrito que un vello estudio, feito hai anos, indicaba que os galegos consumiamos 135 gramos de bonito fresco por persoa e ano, fronte a case quilo e medio os asturianos. Non sei como estará a cousa nos portos asturianos con flota boniteira, pero seguro que non é unha situación tan extrema como a galega. Descoñezo datos actuais sobre o consumo deste peixe en fresco, pero moito me temo que poden ser aínda peores que os sinalados.

Así que é urxente recuperar as vellas campañas de promoción do consumo do príncipe azul, campañas que non van solucionar o problema, pero que con toda seguridade aliviarán os problemas do sector.

Aos afeccionados á boa mesa so resta convidalos a gozar dun bo prato de bonito, un dos últimos peixes cuxa captura segue a facerse de forma artesanal. En caldeirada, en rollo, ao forno, á grella… son moitas as preparacións que admite o peixe. E todas deliciosas.

2 comentarios sobre “Non so de conservas vive o bonito

  • el 31 de julio de 2006 a las 08:35 08Mon, 31 Jul 2006 08:35:51 +000051.
    Permalink

    Hai cousa dun mes falaba deste mesmo asunto e me asombraba da diferencia de consumo e de prezo entre Galicia e Asturias. Vexo que non son o único que bota de menos a posibilidade de desfrutar deste menxar con máis frecuencia.

    Respuesta
  • el 31 de julio de 2006 a las 09:31 09Mon, 31 Jul 2006 09:31:33 +000033.
    Permalink

    En Madrid, Vallecas concretamente, el bonito está por encima de los 20 euros el kilo, dependiendo de la pescadería.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *