¡Por fin fabas!

Recollo hoxe a guía gastronómica de La Voz de Galicia dedicada a A Fonsagrada e A Mariña Oriental e, ¡por fin!, chaman a cada cousa polo seu nome.

Xa escribín aquí sobre a confusión entre “fabas” e “habas” nestas guías, cunha incorrecta tradución do galego “fabas”, e sobre a teima de chamarlle “fabas de Lourenzá” ao que en realidade se deberían chamar “fabas da Mariña”.

No apartado da Fonsagrada persisten no erro, coa receita da “Ensalada semifría de pulpo con habas y vinagreta de tomate”. Entre os ingredientes, 200 gramos de “habas”, sen apelido, cando na foto se ve claramente que son “fabas”, é dicir, “alubias” en castelán.

Pero a sorpresa xurde no apartado das terras de Ribadeo, que a min, mariñao de sempre, dame a risa ese invento de despacho de dividir a comarca en oriental, central e occidental.

Se ben nun principio inclúen unha receita de “habas de A Mariña lucense” con xibia e ameixas, cando en realidade son, de novo, “alubias”, máis adiante atopamos unha “ensalada de fabas da Mariña lucense y bonito de Burela en escabeche de manzana”. Por unha vez, Lourenzá é substituída pola Mariña tanto nas “habas-alubias” como nas “fabas”.

Do tema das fabas da Mariña versus Lourenzá falei con Cristino Álvarez, asesor destas guías de La Voz, con motivo do concurso de tapas de Ribadeo, onde os dous fomos xurados. Penso en entón as fabas “da Mariña” gañaron a Cristino para a súa causa. E paréceme que o cambio na denominación desta guía número 23 se debe ás xestións do propio Cristino, que non deberon chegar a tempo para a guía dedicada ao resto da Mariña, que foi a número 6. Nunca é tarde.

A colección de guías está a piques de rematar (faltan tres) e a min déixanme un sabor máis agre que doce na boca. Trátase, sen dúbida, dun gran traballo, pero con erros non menos grandes que desvirtúan o conxunto e a fiabilidade da obra. ¿Pensa alguén que a “sopa de pescado del Cantábrico con hojaldre” ou os “espaguetis con setas de temporada” son pratos da cociña tradicional galega?, ¿a “lamprea al estilo de Arbo” é cociña de autor?. Estes erros, e máis, no tomo 23, dedicado a A Fonsagrada e A Mariña Oriental.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *