Alerxias alimentarias

Un fillo con alerxia alimentaria e un dos problemas cotiás que se lle presentan a varios miles de galegos, e asegúrolles que non resulta doado tirar do carro sen chegar a desesperación nalgún momento. Inda que no canto de desesperación pode que sexa indignación cos usos habituais da nosa industria alimentaria. Palabra de esperto na cuestión.

Por algunha razón que se escapa ao meu entendemento, un dos ingredientes presente na inmensa maioría dos alimentos fabricados en España é o leite. ¡Ata no chourizo ibérico que nos venden a prezo de carne de primeira!.

Son produtos prohibidos aos alérxicos á proteína láctea (non confundir coa intolerancia a lactosa, que é un azucre), que nos obrigan aos pais a facer auténticos master en etiquetado. O meu rapaz probou o salami por primeira vez cando atopei un de fabricación alemana.

As alerxias ao ovo, certas froitas e froitos secos tamén teñen ampla presenza entre nos, pero semella que o único problema é o dos celíacos, se nos atemos ao que se publica e escoita na radio e televisión e ás medidas que adoptan os gobernos, moi recentes no caso da Xunta de Galicia. Certo é que tal vez sexa esta a peor das alerxias alimentarias e que arredor da mesma se xunta un grupo de xente moi activa.

Neste panorama resulta sorprendente que so timidamente comecen a aparecer no mercado alimentos de uso común que informan da posible presenza nos mesmos de produtos que poden causar alerxias. Claro que os que non din nada son inmensa maioría polo momento, constituíndose en permanentes sospeitosos para quen padece unha alerxia ou para os seus pais.

Por moito que se nos tente convencer de que as medidas hixiénico-sanitarias adoptadas arredor dos alimentos son suficientes e eficaces, e garanten a calidade do que comemos, sempre nos queda a dúbida, fundada penso eu, de se tal creen os mesmos que tal predican.

No fondo queda a sensación de que a industria alimentaria española goza de carta branca e manga ancha para facer o que lle da a gaña, que ao final consiste en tomarnos o pelo aos consumidores. Non é fácil entender, por exemplo, porque a meirande parte das etiquetas non indican con qué tipo de aceite ou graxa están fabricados certos alimentos, cousa que inevitablemente nos obriga a pensar nas peores graxas animais e vexetais, verdadeiras bombas para o noso organismo. E seguindo co mesmo produto, resulta incomprensible que se permita resaltar na etiqueta e na publicidade dalgúns alimentos o feito, por exemplo, de estar elaborados con aceite de calidade, de oliva, inda que a porcentaxe do mesmo non sexa máis dos tres ou catro por cento, fronte a un 50 ou 60 por cento de graxas sen identificar. Falo, xa caerían nelo, de certas margarinas.

Á vista da situación, as autoridades sanitarias e a industria alimentaria deberían convencerse de que non so o tabaco pode matar.

Un comentario sobre “Alerxias alimentarias

  • el 28 de junio de 2006 a las 21:19 09Wed, 28 Jun 2006 21:19:05 +000005.
    Permalink

    Saudos a esta nova web, ánimo e adiante……

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *