¡Como cambian os tempos!

Hoxe é San Xoán. En tempos no Valadouro era hoxe o día de probar as cereixas , que o país está ao norte e non madura o froito da cerdeira tan cedo coma en Chantada, por poñer un exemplo.

No Valadouro case non quedan cerdeiras, pero a min quédame a preferencia polas que alí se chaman “blancás”, das que había gran fartura na casa de meu avó, e na miña, cando eu era neno. Hai poucos días, no Salón da Alimentación do Atlántico, en Silleda, comín cereixas blancás, inda que procedentes da zona de Chantada, onde lles chaman “da onza”. E estes días tamén as estou a ver nas na praza e nas tendas de alimentación tradicionais da zona onde vivo, nos arredores de Compostela. Nos supermercados xa so se ven cereixas procedentes de fóra de Galicia.

Hoxe é San Xoán e onte foi a gran noite das fogueiras, das sardiñas e do churrasco. Os ritos e mitos da noite de San Xoán pérdense na noite dos tempos e pertencen á nosa máis fonda idiosincrasia, case se pode dicir que o levamos nos xenes.

Pero o das sardiñas e churrascos é recente. Xa o ano pasado por estas datas indicaba que, traballando no meu libro “A cociña do Entroido e San Xoán”, a primeira referencia que atopara sobre unha sardiñada na noite do 23 de xuño, correspondía ao ano 1970. Antes dese ano nin hai información sobre sardiñadas nin sobre incrementos dos prezos das sardiñas nos días anteriores como, pola contra ocorre en anos posteriores.

Temos, pois, que pensar que o costume das sardiñadas de San Xoán ven do último terzo do século XX.

Pero antes houbo outros costumes culinarios vinculados á noite máxica das fogueiras, costumes que se perderon hai moitos, moitos anos.

O xornal do 24 de xuño de 1888 (hoxe hai 118 anos) fala da “verbena de San Juan” na cidade de A Coruña, indicando que houbo “farolillos”, globos e fogos de artificio, con música da banda de Zamora. Non faltaron as pelexas e o xornal destaca o traballo das forzas de seguridade “especialmente en las afueras, donde la costumbre de acabar la fiesta con fresas y cuchilladas es ya proverbial”.

Efectivamente, hai máis dun século os coruñeses remataban a noite de San Xoán comendo amorodos, collidas directamente da mata, na zona de Eirís. Nada din os xornais se os amorodos era roubados ou non.

Outro 24 de xuño, pero neste caso de 1967, o xornal lembra o vello costume de comer as fresas, e repítese de novo en 1969 “La costumbre de ir a comer las fresas hubo de extinguirse cuando estas dejaron de cultivarse por allí y por los otros lugares cercanos. Hace medio siglo aún se practicaba, pero ya había perdido la importancia de antaño”.

Algúns quilómetros ao norte, en Ferrol, tamén tiveron o seu costume gastronómico da noite de San Xoán, se non atemos ao publicado outro 24 de xuño, neste caso de 1928. Indica o xornal que a verbena de San Xoán estivo moi animada a pesar de que se prohibiron os lumes e os petardos. Tamén fala de que os festeiros beberon con exceso e que “De madrugada, los trasnochadores se dirigen a San Juan de Filgueira para tomar la leche, cumpliendo así una tradición”.

Máis recente é a información sobre a “empanada de Cotomondongo”, preparada en 1965 polos veciños da rúa José Antonio de Vigo, e que levou 700 sardiñas, cinco quilogramos de pementos morróns e outros tantos de tomates, 18 quilogramos de cebolas e 8 litros de aceite.

Está mañá Galicia enteira cheiraba a fume, churrasco e sardiñas asadas. ¡Como cambian os tempos, Venancio, que che parece! cantaba La Vieja Trova Santiaguera.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *