Os churros portugueses

Domingo nas terras do norte de Portugal para amosar aos cuñados chegados de América o país irmau. Inevitables as compras na Fortaleza de Valença do Minho e inevitable o “frango grelhado” na comida, que os rapaces non permiten unha visita a Portugal sen pasar pola churrascaría. Ademais, o pito estaba espléndido, que os nosos veciños son campións mundiais da especialidade.Pola tarde alguén repara nun posto de churros e merca unha ducia. Paga 1,50 euros, que xa é abondo por un pouco de masa frita.

Recoñezo que os churros nunca me entusiasmaron sen non van acompañados dun bo café con leite ou chocolate, sempre pola mañá. Lembro de rapaz as festas de moitas parroquias do Valadouro, onde poñía tenderete de churros a Chata. Nalgunhas desas festas tamén estaban os churreiros de Foz, que eu prefería, porque tamén vendían patacas fritidas, que me gustaban máis que os churros. O caso é que ofrécenme churros en Portugal pero non os probo inda que me din que están moi bos. Pero acabo sucumbindo á tentación cando os churros están xa fríos. Malia todo, souperonme moi ben. Sen dúbida porque non levaban o azucre que lles poñen nas feiras galegas, senón azucre mesturado con canela en po. Sempre me gustou a canela. Agora tamén me gustan os churros, polo menos cando están aromatizados con canela.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *