Por fin unha boa caña

Pasa un en Madrid 18 anos e sempre lle queda un pouso daquela época, que nos galegos habitualmente tradúcese na nostalxia das porras (podería escribir que son unha especie de churros gordos, pero non teñen nada que ver) e a admiración pola capacidade dos camareiros dos bares madrileños para tirar unha boa caña de cervexa, sexa o camareiro natural do foro ou chegado de calquera outra parte de España.

Sen dúbida, en Madrid tíranse as mellores cañas de España, mentres en Galicia acostuman a ser un verdadeiro desastre. A meirande parte dos que poñen cañas na nosa terra fano coma quen verte unha mirinda no vaso, sen entender que a cervexa é un ser vivo e como tal precisa dunha atención especial.

A cantidade de cervexa de billa que se consome nun sitio e outro pode ter moito que ver neste resultado. Se é ben certo que en Madrid se tiran moitas cañas, non menos certo é que en Galicia deberíamos tiralas case todas, polo malas que son.

Pero dun tempo a esta parte veño observando unha substancial mellora na técnica de tirado das cañas nalgúns establecementos galegos, especialmente os vinculados con Estrella de Galicia, que ademais de ser a mellor cervexa que temos en Galicia preocupase pola formación dos que traballan o produto. Pero aínda queda moito camiño por andar.

Precisamente o camiño que xa andiveron os camareiros de “El Pasaje”, emprazado na compostelá rúa do Franco, á esquerda entrando dende a Alameda. Hoxe tiven oportunidade de tomar alí a mellor caña de cantas me levan servido ao longo de Galicia. O empregado tomou o tempo e a calma precisa para conseguir que no meu vaso sobre o líquido se asentará unha espesa capa de escuma, de burbullas moi finas, baixo a cal a cervexa se amosaba máis viva ca nunca. Esa caña non tiña nada que envidiarlle ás mellor tiradas de Galicia.

Naturalmente, felicitei aos camareiros presentes na barra e ao propietario do local, Pepe Rumbo, alma mater dun establecemento onde as cousas se fan como merece o cliente: ben.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *