O babeiro coreano

Na entrada do restaurante recibiuno unha muller alta e delgada, de mediana idade, rasgos orientais que el non puido identificar como coreanos, inda que o supuxo polo lugar, e unha fala española do máis correcto.

A muller dirixiuno á súa mesa e ofreceulle unha carta, que el rexeitou, explicando que era a primeira vez que comía nun restaurante coreano e prefería deixarse aconsellar.

Ela, que resultou ser a propietaria do local e chamarse Jiroco (lean “lliroco”), díxolle que sendo así lle poñería un prato típico de Seul, a capital de Corea do Sur: bulgogi.

Pouco despois chegou á mesa o servizo: un gran pano de mesa, palillos e unha pequena cunca con salsa de soia.

De seguido, unha pequena grella con brasas de carbón, que o camareiro puxo no medio da mesa. Outro empregado trouxo dous pratos de carne crúa adobada (boi e polo), unha cunca de arroz, un prato de follas de leituga sen ningún aliño e unha cunca de repolo picante (kimchi).

A propietaria indicoulle a maneira de proceder: ásase a carne na grella e, de seguido, cóllese na man esquerda unha folla de leituga na que, coa dereita e os palillos, se pon un pouco de arroz, un pouco de repolo e a carne asada e despois mollada na salsa de soia. Envolvese a leituga e á boca. Sinxelo.

El abre o pano de mesa e descubre que se trata en realidade dun enorme babeiro, coma o dos bebés, con dous cordeis para atalo ao pescozo. Pensa que, por ser occidental, están a menosprezar as súas habilidades na mesa e coloca dito pano sobre as pernas, como faría na propia casa ou nun restaurante tradicional.

E aí vai. Colle o primeiro anaco de carne, colócao na grella e de inmediato aspira os aromas deliciosos da carne asada. Xa ten na man a leituga, co seu arroz e repolo. Colle a carne asada cos palillos e diríxea cara á cunca da salsa de soia, momento no que a carne, que parecer ter vida propia, se desprende e cae derriba da soia, salpicando a mesa e deixando feita un farrapo a camisa do comensal, que sacara o xersei por causa da calor da grella.

Avergoñado, mira ao seu redor, por ver a reacción do resto de comensais. Ningún lle presta atención e semellan non ter visto o “accidente”. Nese momento decatase de que tódolos comensais presentes no restaurante son orientais.

El é o único occidental. Todos menos el teñen o babeiro atado ao pescozo.

Parecerá un conto, pero todo o relato é absolutamente certo, visto polos meus propios ollos. Por moito que as freguei, non fun quen de acabar coas manchas da miña camisa.

En calquera caso, non me queda máis remedio que recomendarlles que non deixen pasar a oportunidade de probar as delicias coreanas cando teñan un restaurante deste país á man. Desgraciadamente, en Galicia aínda non contamos con ningún.

Un comentario sobre “O babeiro coreano

  • el 01 de abril de 2006 a las 16:28 04Sat, 01 Apr 2006 16:28:38 +000038.
    Permalink

    Temos muitisimo que aprender desa xente oriental.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *