“Olla podrida”

Paseando por Ribadeo con motivo do concurso de tapas alí organizado, propoñía Cristino Álvarez (Caius Apicius) un interesante debate. “Imaxinade –dicía- que che din que a partir de hoxe non podes comer máis que un prato determinado no que che queda de vida. ¿Que elixirías?. Chegamos a conclusión de que nove de cada dez galegos (coma se fóramos dentistas ou xinecólogos) elixiríamos o cocido.

E no conxunto dos españois sucedería o mesmo. A razón da elección é que hai moitas razóns. Primeiro, que non existe un cocido único, senón múltiples cocidos, segundo as distintas zonas do país, e ata me atrevería a dicir que non hai cocido que se repita igual en dúas casas, por próximas que se atopen.

Outra razón fundamental son os múltiples sabores, aromas e texturas que nos ofrece un bo cocido, especialmente se no mesmo se botou unha boa cachola, que xa compón por si soa todo un catálogo de sabores. Pero o caso é que pretendía eu falar aquí dun dos precursores do cocido: a “olla podrida”, da que todos temos escoitado falar a través do Quixote.

Sobre dita “olla” téñense escritos quilómetros de renglóns e outros tantos sobre o seu nome, descartándose finalmente que o de “podrida” teña nada que ver co mal estado de saúde das abundantes e profusas carnes que entran na mesma. E semella que a palabra non é máis que unha corrupción (vaille ao pelo esta idea) da orixinal “poderida”, coa que se querería expresar que dito plato era de por sí “poderoso” e unicamente se podía cociñar na casa dos que ostentaban tal condición, xa que eran precisa unha boa bulsa á hora de mercar os elementos precisos para cociñala.

Eu sempre defendín esta teoría, que agora vexo reforzada ao reparar nunha afirmación que fai Francisco Martínez Montiño no seu libro “Arte de cocina, pastelería, vizcochería y conservería”, publicado en 1611. Montiño, do que se descoñece a orixe e sospeitase que fora galego, ofrece a receita do “pastel de pollos o pichones”, que leva, ademais das aves, touciño, verdura, perexil, coandro, cecimbre, cañas de vaca, criadillas de terra ou de carneiro… todo un catálogo de productos. E di Montiño “y les podrás echar tantas cosas, que los podrás llamar pasteles podridos”. O dito.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *