Ribadeo de Tapeo

Rematou o primeiro concurso de tapas e pinchos “Ribadeo de tapeo” e so se pode sacar unha conclusión: gañamos todos. Os clientes gañamos a oportunidade de disfrutar dun amplo repertorio de tapas, moitas delas de espléndida factura. Os hostaleiros gañaron o crédito que da terse enfrontado con éxito ao reto que lles puxeron derriba da mesa, e a oportunidade de abrir unha nova liña de negocio.

Un total de 27 tapas e pinchos foron presentados ao concurso. Algunhas das especialidades que se ofreceron rozaban os límites da alta cociña, mentres outras se mantiñan no campo da cociña caseira tradicional, pero en case tódolos casos o nivel chegou a cotas moi altas, e so o faroliño vermello quedou ás portas do aprobado.

Do alto nivel acadado polos participantes da fe o difícil traballo que tivo o xurado para elixir aos gañadores. Uns “Callos de bacallau con chips de allo” recibiron o premio á mellor tapa do ano, acompañados polos “Crepes primavera” (sucesivas capas de filloas e vexetais) como mellor tapa fría e un “Brazo de xitano recheo de brandada de bacallau” como mellor tapa quente. A dificultade na elección faise patente no desexo do xurado de facer mención especial a outras tres tapas presentadas, polo traballo que estas supoñen de aproximación da cociña tradicional á demanda dos consumidores actuais. Ditas tapas foron as “Albóndegas caseiras con gornición”, a “Carne asada” e as “Patacas á serra”.

E non vexan a sorpresa de atopar en Ribadeo as clásicas “patatas revolconas” da provincia de Ávila nun concurso de tapas en Ribadeo. Porque as mencionadas “patacas á serra” son unha versión ribadense do devandito prato abulense, que aprecio de maneira notable e sempre ando buscando cando paso por Castela. O prato componse unicamente de patacas cocidas e esmagadas cun garfo, remexidas con torresmos de dente adubado, pemento doce e, para o meu gusto, un chisco de vinagre que non levaban as de Ribadeo. A receita non pode ser máis sinxela nin o resultado máis delicioso.

Unha segunda mención especial do xurado foi para o conxunto das díuas tapas presentadas por un dos establecementos participantes, que eran os Crepes primavera que levaron o premio de mellor tapa fría e uns macarróns recheos de morcilla e queixo ricotta verdadeiramente espléndidos, ademais de supoñer un traballo de chinos reencher un por un tódolos macarróns que ao longo dunha semana comeron os ribadenses e visitantes.

Tódolos participantes no concurso expresaron o cansazo acumulado nunha longa semana de duro traballo, pero tamén todos amosaron o seu interese por participar na segunda edición do concurso que é de desexar que teña lugar o ano próximo.

Non anda a hostalería da Mariña sobrada de méritos que vaian moito máis aló da alta calidade dos produtos empregados, polo que tampouco sería mal negocio que outros concellos da zona seguiran o exemplo de Ribadeo e botaran a andar actividades semellantes a este concurso de tapas.

Facer propias as boas ideas alleas é moito mellor que seguir parados. Ribadeo de tapeo xa é un lema novo para a vila chave de Galicia… por moito que cada un pague o seu.

2 comentarios sobre “Ribadeo de Tapeo

  • el 18 de octubre de 2006 a las 17:37 05Wed, 18 Oct 2006 17:37:16 +000016.
    Permalink

    Hola, escribo desde a Casa da Cultura do Vicedo (que tamén está na mariña de lugo) e estou moi interesado en intentar adaptar un concurso desas características ó noso Concello (tendo en conta que hai moita menos poboación)
    Escribo para pedir se me podes facilitar as bases do concurso ou onde poido conseguilas. Un saúdo.
    Ah o meu correo é: jquelle1973@hotmail.com

    Respuesta
  • Pingback: Colineta » Blog Archive » Ribadeo de Tapeo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *