Grelos non son nabizas

Nabo, nabiza e grelo, trinidade do galego. O dito popular deixa ben claro cal é a verdura nacional dos galegos, por moito que tamén se consuma nas terras próximas á nosa e en países afastados de nos, mesmo na China de lendaria e refinada cociña.Dos tres bocados que nos ofrece o nabo, os galegos consumimos fundamentalmente os dous segundos (nabizas e grelos) e deixamos para porcos e vacas a raíz, a “cabeza” do nabo, que cocida ten case o mesmo sabor que os grelos. Hai lugares de Galicia onde a cabeza do nabo vai ao caldo o mesmo que as nabizas ou grelos, pero son casos excepcionais, sendo a norma que esa parte da planta se converta en forraxe para os animais. Dun tempo a esta parte ata hai nabos (a raíz) para consumo humano nos supermercados galegos, pero de variedades diferentes ás que nos cultivamos e procedentes de fóra da nosa terra.

Pero inda que o grelo e a nabiza sexan a nosa verdura nacional, o descoñecemento sobre unha, outro e as súas diferenzas está cada vez máis estendido. Onde eu vivo, nas terras de Compostela, é doado atopar na froitería ou no supermercado nabizas e grelos ao mesmo tempo, sempre máis caros os segundos que as primeiras. Abofé que eu non son quen de distinguir unhas e outras, porque en realidade os ditos comercios están ofrecéndonos o mesmo produto con dous nomes e prezos diferentes.

Un, que se criou nunha vila pequena, lembra aqueles tempos en que as terras sementadas de nabos pintaban de amarelo os arredores da mesma despois do antroido. E lembro o vello costume de ofrecer a calquera a posibilidade de apañar un brazado de nabizas ou grelos, cada cousa no seu tempo, para facer o caldo, unha ensalada ou acompañar un bo lacón. Así que algunha vez me tocou ir a tal ou cal terra buscar unhas nabizas ou uns cimóns, que así chamábamos alí aos grelos, e moitas veces despois tocoume limpar a verdura e preparala para ir á pota.

Unha nabiza e un grelo distínguense a primeira vista. A nabiza é folla e nada máis. Como toda folla terá o seu pedúnculo, o rabo que a une á cabeza do nabo, máis ou menos longo e groso, pero pedúnculo. O grelo é o brote do que saen as flores. Nace directamente da cabeza do nabo e pode ser gordo coma un polgar ou ben delgado, nacendo del os pedúnculos das follas (nabizas) que o acompañan. Finalmente, na punta do grelo acabará aparecendo a flor do nabo se non acaba antes na pota.

O grelo está en comida precisamente antes de que apareza a flor, momento no que se endurece ata resultar comestible. Saber se un grelo é tenro ou xa vai duro é doado. Non hai máis que cortar un anaquiño e mirar o centro do mesmo. A carne do grelo é translucida, pero cando está duro no centro do mesmo aparece un cordón de cor moi branca, máis ou menos groso. Dise entón que “está ido ao pau” e xa non hai maneira de cocelos, por moito que se pelen. A min gústame pelar os grelos por moi tenros que sexa, eliminando así calquera posibilidade de levar ao prato fibras endurecidas certamente desagradables na boca.

Haberá, seguro, lectores que consideren que estou a escribir obviedades. Certo para eles, e para min, pero estean seguro de que moitos outros estarán a descubrir nestas liñas que no grelo non todo é folla.

Do ramiño de flores sen abrir que moitas veces levan os grelos, e que moitos consumidores tiran, poderíamos escribir noutro momento, que se moitos galegos as tiran, hai lugares onde se poñen en conservan e se venden a bo prezo.

3 comentarios sobre “Grelos non son nabizas

  • el 19 de marzo de 2006 a las 15:50 03Sun, 19 Mar 2006 15:50:08 +000008.
    Permalink

    Eu aqui merco unha cousa enlatada que se chama “turnip greens” e quero crer que son grelos pero seran nabizas polo prezo que tenhen. Ainda asi cocendo un ovinho e unha pataquinha e cun pouco aceite non sabe mal de todo.
    Un saudo.

    Respuesta
  • el 22 de marzo de 2006 a las 01:19 01Wed, 22 Mar 2006 01:19:32 +000032.
    Permalink

    vaime vir moi ben esta explicación pra explicar esta diferencia aos non galegos… que lles soa todo igual (máis os grelos, por aquilo do lacon con…)

    Respuesta
  • el 08 de marzo de 2007 a las 15:06 03Thu, 08 Mar 2007 15:06:12 +000012.
    Permalink

    Bravo por esta boa explicação, finalmente encontrada por uma colega após muita busca, e porque não ficou contente com a outra explicação usual que diz que o grelo nasce da nabiça…

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *