Diabólico cubano

Durante algún tempo, La Taberna Cubana foi lugar de reunión dunha clientela fixa e reducida, que o tamaño do local non daba para máis aló de quince ou vinte clientes.Elma, unha habanera neta dun emigrante da parroquia Vilalbesa de Noche, era propietaria, camareira, experta en coctelería cubana e animadora do local onde se tomaban os mellores mojitos e daiquirís de todo Madrid, nun tempo en que na capital había unicamente tres ou catro locais cubanos: o Centro Cubano, reduto do peor do exilio, o modesto restaurante Zara, propiedade de antigos emigrantes españois sen relación con Amancio Ortega, supoño, outro restaurante ao pe do pazo dos deportes e cuxo nome non lembro, e La Taberna Cubana.

No Centro Cubano, aparte dun ambiente nada atraínte, facían o mojito con Bacardí, que sabe a auga da fonte ao rente do verdadeiros rons cubanos. Falar alí de Havana Club, o único ron cubano que por entón había en España (despois chegarían Liberación e outros) era citar ao diaño, pois consideraban que consumindo esta marca estábase a axudar activamente ao réxime castrista.

Na Taberna Cubana unicamente se despachaba Havana Club, por moito que Elma non fora menos anticastrista que os responsables do outro local. Pero na Taberna xamais se falaba de política nin se servían produtos de baixa calidade.

Dixen que os mojitos e os daiquirís de Elma eran os mellores de Madrid, pero tamén preparaba con mestría outros cócteles cubanos: negrito, cubanita, high ball, cuba libre (chamado cuba bella antes da Revolución)… e podianse tomar unhas espléndidas racións de pan con lechón, aporreado de tasajo, ropa vieja, picadillo, tamales… ¡Que delicia, so lembrar aqueles tempos!.

Outro dos cócteles da Taberna era o diabólico, unha creación da propia Elma, forzada polas circunstancias. O caso é que por entón o importador de Havana Club traía tamén de Cuba un licor chamado Diabólico Cubano e practicamente a taberneira se veu na obriga de mercar unha partida do mesmo.

Tratábase dun licor de canela, de pouca gradación (arredor de 22 grados), e tirando a doce, propio para chupitos. Pero Elma negábase a vender chupitos e correr o risco de que a Taberna se enchera de rapaces novos, que por entón causaban furor en Madrid este tipo de bebidas.

Así que despois de moitas probas, Elma deu coa fórmula do seu diabólico: nun vaso de mojito (é dicir, un vaso de tubo, pero máis curto que os habituais aquí) poñía unhas gotas de zume de limón, un chupito de ron Havana Club de tres anos, outro chupito do licor de canela que daba nome ao combinado, dúas ou tres pedras de xeo e zume de laranxa fresco ata encher o vaso.

Resultaba n cóctel delicioso, pero era o verdadeiro diaño. Entraba moi suave, pero o alto contido alcohólico facía que se subira rápido á cabeza, cousa que Elma sempre avisaba cando se pedía o segundo.

Algunha vez tomo un diabólico na casa. Non teño o licor orixinal cubano, que xa non se atopa. Pero din cun licor de canela que serve para o caso tendo coidado de poñer so unhas gotas, xa que o sabor a canela do mesmo é moito máis forte que o do orixinal Diabólico cubano.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *