Cultura culinaria e televisión

A cociña está en alza na programación das grandes cadeas televisivas. Paradoxalmente, a primeira palabra que me ven á cabeza ante o panorama é: lamentablemente.Lembro aqueles comezos de Elena Santonja na TVE e paréceme estar recordando aventuras doutro século, incluso anterior ao pasado. Despois veu o big bang dos programas de cociña con Arguiñano, imitadores e sucesores. Os cociñeiros chegaron á televisión para quedarse, miren senón o Canal Cocina, onde o raro e ver alguén que non exerza tal oficio.Agora as televisión ameazan con dar un paso adiante na programación, que en realidade é un retroceso cara recuperar o peor de nos mesmos: o cotilleo, a murmuración e a manipulación da realidade.

Os primeiros pasos xa os deu Cuatro, con “oído cocina”, reality en que nos amosan as cuitas dun grupo de persoas que aprenden hostalería co obxectivo de abrir un novo restaurante. Como en tódolos realitys da programación televisiva, parece que a selección de persoal busca o peor de cada casa, para así poder presentarnos en pantalla un fato de inútiles incapaces de aproveitar a oportunidade que se lles ofrece. Tal é o que saco en conclusión do tal “oído cocina”.

A mesma Cuatro pon tamén en antena “Duelo de chefs”, aínda non estreada cando escribo estas liñas, polo que non poido dicir da mesma máis que o nome da presentadora, a galega Cristina Castro, cociñeira que antes andaba por Canal Cocina. Esta mesma cadea ten en antena “Todos contra el chef” un programa onde un afeccionado compite cun cociñeiro profesional na preparación, supostamente, do mesmo prato. Gustaríame ver ao profesional cociñando o caldo galego, a ver que “crujiente” se lle ocorre para a ocasión.

Telecinco anuncia a próxima “Esta cocina es un infierno”, que substituirá a Gran Hermano ao seu remate. Parece que será outra academia de cociña, con dous chefs de gran prestixio e principiantes. Xa veremos que pasa alí.

Mentres, nin as cadeas privadas nin as públicas se preocupan o máis mínimo por un capital que estamos a perder: a cultura culinaria que nos é propia. Como no mundo dos libros, parece que venden máis os receitarios de cociña, especialmente os asinados por algún faranduleiro, que a Cultura, así, con maiúsculas, inda que sexa Cultura Culinaria.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *