Tostado, viño mítico

A saída do tostado do Ribeiro ao mercado está próxima. Así o anunciou o presidente do consello regulador da Denominación de Orixe na presentación dunha reunión de sumilleres que, no canto de valorar o viño tiñan que valorar a copa na que se servía. Desta reunión agárdase saia a copa oficial para a cata deste viño.O tostado do Ribeiro é un viño elaborado con uvas pasas que noutros tempos foi habitual e que agora, despois de quedar reducido a pequenas producións para autoconsumo, o consello regulador quere recuperar.

Os ingleses foron grandes consumidores de tostado do Ribeiro, segundo indican os expertos na materia. Os mesmos expertos din que ao verse privados deste viño, por causa dos problemas políticos dunha época en que os dous imperios, español e británico, chocaban en cada esquina, os ingleses volveron a súa mirada cara aos viños do Porto, que dende entón foron provedores de luxo.

E falando de Portos, hoxe mesmo, na Boutique do Gourmet do Corte Inglés vin unha botella deste viño a un prezo que supera os 1.000 euros. Dous estantes debaixo dela un coñac marcado a máis de 1.800 euros. Botellas de tres cuartos. Non pregunten as marcas… mareeime tanto que non fun quen de miralas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *