Os mellores tomates para a ensalada

Cando o galego pide unha ensalada, está pensando fundamentalmente nun prato de leituga, que pode acompañarse doutros ingredientes. Pero a leituga está tan arraigada na nosa tradición que ata nalgúns lugares recibe directamente o nome de “ensalada”, o mesmo que ao trigo se lle chama “pan”.Un refrán español indica que para amañar ben unha ensalada fan falta catro persoas diferentes, a saber:

– Un xusto para o sal
– Un xeneroso para o aceite
– Un avaro para o vinagre
– Un tolo para darlle voltas.

Nin que dicir ten que o sistema non é aplicable en Galicia, onde a ensalada nos gusta pouco aceitada e ben avinagrada.

Este costume debe estar directamente relacionado coa nosa preferencia pola leituga, que tolera moi mal o escaso de aceite, mentres agradece especialmente un chisco de vinagre de máis.

Exactamente o contrario que o tomate. O tomate pódese comer sen máis que unhas areas de sal, pero o aceite vaille moi ben, e xa se redondea cunhas pingas de vinagre. Máis aceite que vinagre, como indica o dito.

Se ademais o tomate é da casa, ben aromático, saboroso e madurado na planta, mellor.
Pero dun tempo a esta parte está aparecendo no mercado unha variedade cultivada nos invernadoiros de Almería que ten unhas características moi destacables, tanto coma o prezo de venda: o tomate raf.

A primeira particularidade é a cor. O tomate raf é fundamentalmente de cor verde incluso cando está maduro. Pode tamén ter algunha parte da pel vermella, pero entón a meirande parte da pel será dun verde escuro próximo ao negro.

O sabor deste tomate é certamente exquisito. O tomate raf sabe ao tomate de sempre.

Eu non o teño visto aínda nas froiterías galegas, pero pódese adquirir a través de internet, no servizo que a tal efecto montou Frutas Caparrós. Cinco quilos de tomates raf “Gran selección” custan 25 euros. Se nos decantamos polos “extra” a conta sube a 35 euros pola mesma cantidade. O prezo inclúe os gastos de envío dentro da península.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *