As mellores patacas fritas

Unhas patacas fritas poden ser un estupendo acompañamento para moitos pratos, pero unhas malas patacas, mal fritas convértense nun pesadelo. Son moitos os restaurantes que non coidan nada esta gornición, empregando patacas conxeladas ou mal fritindo as frescas.

Unhas patacas galegas de calidade, mellor se son da variedade Kennebec, fritidas nun aceite de oliva novo son un verdadeiro manxar. Pero aínda se poden mellorar.

Hoxe fritín patacas seguindo unha receita que me ensinou hai anos en Castropol (Asturias) a sogra de meu irmau. Pélanse as patacas e córtanse para fritir, pero en anacos bastante grandes. Se son patacas mediadas ou pequenas eu córtoas ao largo en catro ou seis anacos. Sálganse e bótanse na tixola con abondo aceite que non estea excesivamente quente.

Durante a primeira parte da fritura manteremos o lume suficiente para que as patacas se fritan, pero sen que a temperatura do aceite sexa demasiado alta, e pinchamos de cando en vez cun garfo. No momento en que notamos que as patacas van abrandando por dentro, poñemos o lume ao máximo e co mesmo garfo imos pinchando cada anaco de pataca dúas ou tres veces, despois seguiremos pinchando, pero cun xiro do garfo, de maneira que a pataca comece a romperse. Seguiremos con este procedemento ata que as patacas estean perfectamente fritidas e douradas, inda que os seu aspecto non será moi estético, xa que a meirande parte delas estarán medio desfeitas e coas tripas de fóra. Non importa, iso é o que buscamos.

Convén servir estas patacas o antes posible, xa que como mellor están é acabadas de facer.

Un último consello: fritan o dobre de patacas do habitual. Non van sobrar.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *