A fragancia das limas

Un deses produtos que chegaron aos mercados galegos nos últimos anos e que aínda non teñen moito uso son as limas. Imprescindibles para preparar unha boa Caipiriña, prácticamente non as usamos na cociña, malia o exquisito sabor do seu zume e o marabilloso recendo da súa pel.Esta fin de semana, seguindo unha receita caribeña, cociñei un polo de curral co que me agasallaron. Tratase dunha receita ben sinxela, consistente en dourar o polo salpementado e despois guisalo con cebola, pementos verdes e vermellos, un algo de viño branco, outro pouco de caldo preparado cos ósos do propio polo e… o zume e a reladura dunha lima.

Resultou un polo guisado (da miña colleita puxen uns chícharos, que sempre me gustan con estes guisos) semellante ao de calquera das nosas casas, pero cun chisco de agridoce do zume da lima e, por derriba de todo, un aroma delicioso da reladura da mesma froita. Proben a engadirlla á súa receita preferida de polo guisado e seguro que lles gusta o resultado.

Por aí adiante hai estupendas especialidades baseadas na lima. Lembro de maneira especial uns cascos de lima confitados que comín preto de Bogotá. Era a casca da lima (seguro que coa polpa e o zume fixeran outra especialidade) confitada en xarope. Fantásticas, pero nada igualable á “key lime mermelade”, é dicir, marmelada de lima dos caios. Non sei onde a merquei (podía ser Caio Largo ou Illa Morada, ou outro dos caios que prolongan Florida cara o golfo de México. Regresaba cuns parentes dende “Cayo Hueso” e paramos a probar o que alí consideran a gran especialidade da zona, a “Key Lime Pie” (lean quilaimpai), unha torta con crema feita co zume das limas do lugar. A torta é boa, pero a marmelada é insuperable. Mágoa que a parada foi á volta dos caios e so merquei un bote.

E xa postos quero deixar patente aquí o meu desgusto cos meus colegas xornalistas (e tamén cos que traducen as películas norteamericanas do inglés), que se empeñan en falar de “Cayo Oeste”, traducindo literalmente o nome norteamericano de “Key West”, cando dito caio ten un nome ben definido en castelán: Cayo Hueso. Tamén podía ser peor é traducir Key por chave.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *