Cachelos e patacas cocidas

Un cociñeiro (asturiano) na televisión está a preparar unha caldeirada de bonito (marmitako en Euskadi) e, chegado o momento de cortar as patacas, anuncia que vai facer os cachelos

Así que colle as patacas peladas e ensina aos espectadores cómo escachalas, cortando un pouco co gume do coitelo e despois esgazando o anaco de pataca coa folla do mesmo. Este sistema de cortar as patacas é moi apropiado para as caldeiradas e guisos, cando queremos que o caldo dos mesmos espese un pouco. Pero non son cachelos.A verdade é que ultimamente estase a chamar “cachelos” a calquera tipo de pataca cocida. E isto sucede incluso en Galicia.

Para min os cachelos sempre foron patacas cortadas en dous anacos, sen pelar, e cocidas en auga con sal. Punto. Meu avó chamáballes, con moita retranca, “patacas de folgazáns”, polo traballo que na cociña aforraban en pelar as patacas. Tradicionalmente os galegos quitámoslle a pel a estas patacas antes de comelas, cando na meirande parte dos lugares en que se cocen con pel esta tamén se come.

Pero non é esta a única receita dos cachelos. Segundo o dicionario de Valladares, a finais do século XIX tamén se chamaban desta maneira as patacas cocidas que se comían con leite, receita que atopamos de novo no dicionario da Academia, que a comezos do século XX indica que esta é unha especialidade de Caldelas (¿Castro Caldelas?, ¿Caldelas de Tui?). O mesmo dicionario di que cachelos son anacos de patacas cocidas con sardiñas salgadas.

Como se ve, non todas as patacas cocidas son cachelos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *