Que ricas as castañas

Como tiña o día libre tocoume facer a comida. Estaba previsto un asado ao forno de agulla de tenreira criada na casa (agasallo dun amigo, que foi convidado a comer esa carne tenra e xelatinosa).

Pero quixen amañar algo máis. Choveu toda a mañá e apetecía unha sopiña, así que rapidamente amañei un caldo de polo no que posteriormente cocería abondo cabaciño e uns champiñóns, dos que reservei uns poucos para gornición. Ao final engadín unhas castañas. Xa sei que non é tempo de castañas, pero tiña na casa unha lata das mesmas ao natural (conservadas na súa auga de cocción e sal) das que comercializa Posada, de Ourense. Tamén reservei unhas poucas.Cando as verduras estaban cocidas, volvín á pota a carne do polo e triturei todo co batedor. De seguido engadín os champiñóns e castañas que reservara, todos ben picados e para a mesa, acompañando uns dados de pan frito e nata de leite, que cada comensal puxo no seu prato segundo as súas preferencias.As castañas dábanlle á crema un punto delicioso. Gustoulle a todos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *