San Xoán: mes de cereixas e sardiñas

O mes de xuño, San Xoán no calendario popular, sería sempre o mes da cereixas, como foi por moito tempo, de non darse case simultaneamente tres factores determinantes: a desaparición das cerdeiras en boa parte de Galicia, a chegada masiva desta froita procedente doutras zonas e a implantación do costume das sardiñas asadas na noite de San Xoán.

Segundo meu pai, que pasa dos oitenta e leva andado moito, era precisamente o 24 de xuño, San Xoán, o día de comer as cereixas no Valadouro. No val da Amaía, en Brión, onde agora vivo, esa data adiantábase cinco días, ata o 19 de xuño, festividade de San Andrés. Hoxe practicamente non quedan cerdeiras nin no Valadouro nin na Amaía, o mesmo que non queda o costume de comer as cereixas nesa data, nin o de comer esta froita acompañada de pan, como era habitual hai décadas.Eran aqueles tempos de alta estacionalidade no consumo da froita, xa que o comercio deste tipo de alimentos se limitaba practicamente á mesma comarca, onde tódalas cereixas se recollían a un tempo, coas pequenas diferenzas que supoñían as distintas variedades de cerdeiras, que adiantaban ou retrasaban algo a maduración respecto do habitual. Hoxe atopamos cereixas no mercado xa polo Nadal, normalmente importadas de Chile, a uns prezos esaxerados e dunha calidade máis ben escasa. Despois chegan as cereixas estremeñas do Jerte, que teñen unha presentación extraordinaria e prezos máis axeitados, pero sen a calidade das cereixas de antes. E se un ten sorte ou remexe o suficiente por prazas e mercados poderá comer tamén unhas boas cereixas galegas. Eu prefiro as que no Valadouro chaman blancás e pola zona de Chantada da onza.Malia todo, este mes de xuño son moitas as vilas e barrios de Galicia que festexan a cereixa: Beade, en Vigo; Ombre, en Pontedeume; Paiosaco, en Laracha; Ribas de Sil, e tantos outros que se quedan no tinteiro. Pero non deixan de ser minoría fronte a quenes se renden aos encantos da sardiña na noite máxica do San Xoán.

Do o refrán que “Por San Xoán xa a sardiña pinga o pan” o que quere dicir que a finais de xuño o peixe comeza a estar no seu mellor momento, que se prolongará ao longo do verán. Non é o final de xuño o mellor momento da sardiña, senón o inicio do seu esplendor.

O caso é que chegado San Xoán, a demanda de sardiñas disparase e chéganse a pagar prezos elevadísimos. O caso é que na noite do 23 non falten derriba da brasa, que compartirán con churrascos e chourizos.

Contra o que se poida pensar, este é un costume relativamente recente. A mediados do século XX non se atopa nos xornais galegos unha soa información sobre sardiñadas na noite de San Xoán. Moito menos sobre churrascadas. Tampouco hai datos, na información sobre as lonxas e a rula de peixe, que indique un incremento de prezos ou de demanda de sardiñas nesa época.

Nunha revisión dor xornais galegos a primeira nova que atopamos sobre unha sardiñada na noite de San Xoán corresponde á localidade pontevedresa de A Estrada, e atópase no programa das súas festas patronais, que di “Por la noche, verbena a cargo de la orquestas ‘Venus’. Inauguración de extraordinario alumbrado. Quema del ‘lumeiro’ de San Juan, sesión de fuegos artificiales y ofrecimiento gratuito de sardinas a la brasa y vino del país”. Curiosamente, o programa aparece publicado no xornal ao día seguinte da sardiñada, é dicir, o 24 de xuño. Corría o ano 1970.

A partir desa data cada ano hai máis datos sobre o consumo de sardiñas por San Xoán: “Próximo el San Juan escasea la sardina”, “Las fiestas de San Juan y la escasez hicieron subir el precio de las sardinas”, “A mil pesetas la caja de sardinas. Las lumeiradas de San Juan provocaron el disparo de los precios”. Estas tres frases aparecen en distintos xornais dos anos 1973, 1974 e 1975. Antes de 1970 nin unha mención.

¿Significa esto que as sardiñadas de San Xoán naceron en 1970?. Non. Pero non é menos certo que o costume non é moi anterior a esa data, inda que hoxe vivamos as sardiñadas do San Xoán como se dunha tradición de séculos se tratara. En calquera caso, que aproveite!.

2 comentarios sobre “San Xoán: mes de cereixas e sardiñas

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *