Os delirios gastronómicos de Vilabella

José Manuel Vilabella é de Lugo inda que leva máis de media vida residindo en Asturias, polo que non hai maneira de saber se é primo ou irmau. O caso é que Vilabella tamén leva media vida escribindo, e ben, de gastronomía. Como indica na lapela do seu último libro (Delirios gastronómicos. Alianza editorial), é autor de mil artigos e algúns libros.

Nestes Delirios gastronómicos, Vilabella amosásenos coma un gastrónomo de alta escola que non renuncia á aldea na que vive, por moito que nos refregue polos fuciños as amizades que cultiva e os restaurantes que frecuenta. Vale, iso di Vilabella, que tamén é inventor dun gastrónomo lucense trasladado á Roma imperial, J. de Candelucus, de quen so atoparemos novas nos escritos de Vilabella.Os Delirios culinarios de Vilabella son un conxunto de saborosos artigos gastronómicos, trufados dun certo costumbrismo e ata con lembranzas dos escritos de Julio Camba, xa que por moitos anos que leve de asturiano, a retranca galega non a esqueceu. Pero o libro non é so eso. É, por derriba de todo, un tratado de filosofía culinaria, da filosofía de Vilabella, é evidente, pero filosofía ao fin.

Recomendable a súa lectura. Está escrito e publicado en castelán. José Manuel Vilabella foi galardoado co premio nacional de periodismo gastronómico Álvaro Cunqueiro 2005, por un artigo sobre os cocidos do Camiño de Santiago.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *