Flocos de millo para millonarios

Os flocos de millo que nos venden nos cines son caros e de ínfima calidade. Este é o resumo das conclusións ás que chegou a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) despois de facer un estudio en seis cidades españolas.

Segundo a OCU, un quilo de flocos de millo sae a preto de 33 euros, así que eu case prefiro achegarme a Sitio e chupar uns deses percebes pequeniños que venden os mesmos chiringuitos que ofrecen améndoas, pipas e lambetadas para nenos. Para que non fora nunca, e para unha parte dos que si foron e aínda non se entesaron, queda dicir que Sitio é a vila que está ao rente de Nazaré, en Portugal, pero encaramada no alto dun gran acantilado. Abaixo, a carón do mar, está Nazaré, arriba, no alto do acantilado, Sitio. Dun lugar a outro pódese ir pola estrada, pero resulta moito máis atractivo subir ou baixar no vello funicular, que polo visto sae nunha das películas de Bond, James Bond, que protagonizou Connery, Sean Connery.Total, que os flocos dos cines son carísimos e malos: ata un 25 por cento é graxa e un 3 por cento sal. Unha bomba para as nosas arterias.

Por sorte, a min dos flocos de millo o que máis me gusta é o aroma, así que poucos levo á boca, e nunca o faigo no cine, por dúas razóns fundamentais: primeiro porque ao cine vou ver unha película e non a comer. Segundo, porque me fode que me estafen. Palabra de Vila, Miguel Vila.

+ Torta de millo con paté

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *