As mellores leitugas do mundo

Raíña de Maio é a variedade de leituga cultivada preferentemente nas hortas de Mondoñedo, que abastecen das mellores verduras a toda a Mariña luguesa. Son as mellores leitugas que eu comera nunca, así que poido asegurar sen medo a equivocarme, que son as mellores leitugas do meu mundo.

A Mariña luguesa ten nas súas hortas un tesouro esquecido. Eu lembro con paixón as leitugas da miña nenez e primeira xuventude, que cultivaba a aboa na súa pequena horta da Lavandeira, en Ferreira do Valadouro. Aquelas leitugas, Raíña de Maio naturalmente, eran mellores que as de Mondoñedo, xa que se recollían no seu mellor momento e comíanse fresquísimas. “Neno, vai a horta coller unhas leitugas, que vou amañar a ensalada”, dicía a aboa e aló ía eu na busca da frescura. Se a compaña eran as exquisitas tortillas con chourizo que ela facía, ou as marabillosas troitas do Valadouro, simplemente fritidas, o menú non podía ser mellorado.Hoxe na Mariña vense cada vez menos hortas e as leitugas mércanse no supermercado (¡que malas son!) ou no mercado semanal, se non faltan á cita as vendedoras de Mondoñedo, que e o único concello que semella conservar algo de puxanza hortícola.

Coas leitugas de Mondoñedo pasa como coas fabas de Lourenzá, que se cultivan en case toda a Mariña pero so levan o nome do concello do Conde Santo, porque aquí o que mais chifra, capador.

A diferenza entre ambos cultivos e que mentres as fabas están, afortunadamente, en franca expansión e a súa fama xa traspasa as fronteiras da Mariña e Asturias, onde sempre a tiveron, as mellores leitugas do meu mundo semellan estar en retirada ou, como moito, estabilizadas nunha situación de falta de recoñecemento e promoción. Este cultivo precisa de apoio e iniciativa comercial para amosar a Galicia e ao mundo enteiro unha das grandes marabillas da horta galega. Os novos produtos da cuarta gama, que se presenta escollidos lavados e desinfectados en envases con atmosfera controlada e expostos nos mostradores frigoríficos dos supermercados, son o futuro comercial das hortalizas. Esta presentación podería ser o mellor destino das leitugas de Mondoñedo e a mellor maneira de abrir canles de comercialización para un produto insuperable: as Raíñas de Maio, as mellores leitugas do meu mundo.

2 comentarios sobre “As mellores leitugas do mundo

  • el 06 de marzo de 2007 a las 12:48 12Tue, 06 Mar 2007 12:48:11 +000011.
    Permalink

    tienen buena pinta para bomitar

    Respuesta
  • el 06 de marzo de 2007 a las 16:15 04Tue, 06 Mar 2007 16:15:30 +000030.
    Permalink

    Pois veña, non te cortes e vomita ata quedar a gusto.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *