¿Onde van as patacas galegas?

Para un país que produce grandes cantidades de patacas e da mellor calidade que se pode atopar, resulta curioso o difícil que resulta atopar patacas galegas nunha boa parte das redes comerciais que abastecen aos galegos, e dicir, nos supermercados existentes nas nosas vilas e cidades.

Unha parte dos consumidores galegos seguen autoabastecéndose coas patacas que eles mesmos cultivan, empregando normalmente variedades que ofrecen boa calidade. Outros abastecémonos dos excedentes deses pequenos cultivadores, por vía do agasallo ou mercando as patacas directamente ao produtor.Pero a meirande dos habitantes de vilas e cidades teñen que mercar as patacas no supermercado, onde atopan unha oferta de aspecto moi atractivo e de calidade o bastante mala como para quitarlle a un as gañas de patacas.
Onte tiven que mercar patacas, xa que rematei o último saco caseiro que me regalaron. Mirei en catro supermercados, dous deles cen por cen galegos, e non había patacas galegas. O que ofrecían procedía da Unión Europea, sen máis identificacións. Antes estas patacas viñan normalmente de Andalucía e Castela e León, despois, segundo as súas etiquetas, pasaron a vir do sur ou do centro. Agora veñen da UE, pode que de Polonia, e son malas a máis non poder.

Merquei onte patacas especiais para cocer e fixen con elas unha ensaladilla: “algo lle falta a esta ensaladilla”, dixo a miña muller, afeita a comela con patacas kennebec. Pola noite probei a fritir das mesmas patacas e tiven
que tiralas tal como saíron da tixola: eran incomibles.

Probei a fritir das especiais para este uso: era malas, sen máis.

E mentres en Galicia non e doado atopar no supermercado patacas galegas, cando vou a Madrid atópoas,perfectamente clasificadas e envasadas e co amparo da denominación de orixe , practicamente en calquera supermercado.
Xa pasa coas patacas o que sucede dende sempre co peixe ou o marisco, que o mellor acaba en Madrid, o mesmo que as mellores laranxas españolas véndense nos mercados alemáns. Ao prezo que sexa.

Tamén pode ser que os supermercados vendan intencionadamente o peor que hai no mercado. Probablmente o marxen comercial das patacas prefitidas e conxeladas sexan mellores que os da pataca fresca, que ademáis deixa resíduos de terra alí por onde vai.

O conto é que, tal como van as cousas, na zona de España que mellores patacas produce imos comer o peor de sabe deus que parte da Unión Europea. E todo iso sen queixarnos un chisco.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *