Chulas de flor de bieiteiro

A primavera está a rebentar en Galicia e polos camiños da nosa terra, os poucos camiños que aínda quedan sen transformar en pistas e estradas, os bieiteiros comezan a florecer e os fiúnchos ofrécennos os seus arrecendos anisados ata que unha desbrozadora acabe con eles ou rematen ou seu ciclo vital e desaparezan ata o próximo ano. Nos dous casos estamos tratando sobre especies comestibles, que lamentablemente case ninguén aproveita.

As flores de bieiteiro converteranse a finais do verán en preciosos acios de pequenas froitas negras coas que se pode facer marmelada, anque eu prefiro con moito a xelea feita de moras, da que darei conta noutro momento.Pero as flores do bieiteiro tamén son comestibles, non sendo preciso agardar a que se transformen en froita. Cóllense ramos de ditas flores e límpanse axeitadamente, rebózanse nunha pasta feita de ovos batidos, fariña, un chisco de sal e algo de azucre, e frítense en aceite ben quente. Ao saír da tixola pónselles algo de azucre. Trátase dunha receita oriental que se pode variar agregando ao rebozado un pouco de fermento químico (levadura Royal) ou cervexa ou gasosa, que practicamente fan o mesmo.

Polo que respecta ao fiúncho, serve para aromatizar algún peixe feito no forno, como a robaliza, pero estes días chamoume a atención unha receita italiana de carne cociñada con anacos de fiúncho que recollerei outro día.

Máis sobre flores comestibles

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *