Xantares literarios

Neste mes de abril e organizados polo Pen Clube de Galicia, estanse a celebrar os primeiros Xantares Literarios, unha serie de sete xuntanzas de xornalista, escritores e poetas arredor das mesas dos sete restaurantes que compoñen o grupo Xantares, co obxectivo de falar sobre literatura e gastronomía, e a extensa presenza da primeira na segunda. As xuntanzas serven de pretexto para homenaxear a algunha das figuras claves da literatura galega, buscando sempre a súa relación co arte culinario.

Na xornada inaugural, como no podía ser doutra maneira, o homenaxeado foi o mestre e creador da literatura gastronómica galega e española do século XX: Álvaro Cunqueiro. Seu propio fillo, César, foi o encargado de lembrar a figura e a literatura do seu pai de maneira senlleira, anque eu non comparta moitas das cousas que ese día dixo no comedor do restaurante “Roberto”, moi preto de Santiago de Compostela.O segundo dos Xantares tivo lugar en “Chef Rivera”, na vila de Padrón e, como non podía ser doutra maneira, os homenaxeados foron Rosalía de Castro e Camilo José Cela. A min tocoume explicar o porque desta homenaxe, xa que moitos pensarán que a relación de ambos escritores coa gastronomía non existen, especialmente no caso de Rosalía. En realidade tanto Rosalía como Cela tratan profusamente o tema culinario na súa obra.

Cando escribo estas liñas agardo o terceiro encontro, en Casa Alfredo, de Mos, dedicado a Jorge Víctor Sueiro, que nos deixou libros imprescindibles na biblioteca do afeccionado, tales como Comer en Galicia ou Cocina y vinos de Galicia. Entre os oradores desta xornada agardase ao director de El Progreso, Lois Caeiro, que tamén integra a nómina dos escritores gastronómicos galegos.

Despois virán as homenaxes a Xosé María Castroviejo, Antonio Odriozola, Ramón Otero Pedrayo, Xaquín Lorenzo Fernández, Julio Camba, Emilia Pardo Bazán e Manuel María Puga y Parga “Picadillo”, autores todos que deixaron fonda pegada na literatura gastronómica galega.

Para falar nada mellor ca unha mesa, así que os Xantares Literarios serven tamén de encontro entre xornalistas e escritores con algúns dos mellores cociñeiros de Galicia, que deleitan ós participantes coas súas mellores creacións. Na primeira xornada, Roberto deleitounos cun menú longo e estreito digno de mención. Pola súa parte, Chef Rivera presentou un menú degustación baseado na lamprea, unha das súas grandes especialidades. O menú de Casa Alfredo aínda é un segredo para min, pero a casa está especializada na cociña da caza, así que pode ser un indicio. Despois virán “Alameda 10” (Pontevedra), “Galileo” (Ourense), “Nixon”, (A Estrada) e “El Refugio” (Oleiros). Mágoa que ningún restaurante lucense estea integrado no grupo Xantares, o que nos priva, polo menos este ano, de realizar un Xantar Literario na provincia de Lugo, que tanto en restaurantes coma en escritores gastronómicos ten moito que ofrecer: Álvaro Cunqueiro, Jorge Víctor Sueiro, José Manuel Vilavella, Fausto Galdo, Lois Caeiro, Xavier Rodríguez Baixeras… ou son lugueses de nacemento ou teñen vencellos eternos coa provincia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *