En ocasións ofrécennos mesturas de alimentos que semellan raras para os nosos gustos. Tratase polo xeral de especialidades de cociñas exóticas.

Pero non sempre.Coñezo quen, estudante universitario en Madrid, recibía de cando en vez un paquete de comida da casa. Nalgunha ocasión o paquete contiña, entre outros alimentos, un tarro de mel da casa, produto que non lle gustaba nada ao estudante en cuestión.

Pero non estaba en condicións de desaproveitar o agasallo así que facía bocadillos… de salchichón con mel.

Lendo as últimas paxinas do último libro de Vilavella, concretamente o artigo dedicado ao arroz, caio na conta de que este e un prato que non pido nunca, como non sexa que me atope nun restaurante especializado e de confianza.

Tamén caio en que os grandes especialistas en gastronomía, que traballan para revistas, diarios ou axencias de poucos problemas económicos, van dos grandes restaurantes ás casa dos gurús da cociña, e rara vez aterran nas casa de comidas onde se xunta o común dos mortais.E nestas casas de comidas e restaurantes de diario, o arroz acostuma ser un horror, que comeza duro e remata espaparruñado.

Por eso eu non o pido xamais. Prefiro lembrar cariñosamente aquela preparación feita polo meu amigo Pombo na Casela (O Valadouro). Era un engrudo tal que alguén o bautizou acertadamente como ”arroz prebetong”

Vexo no xornal que un profesor da Escola de Hostalería de Vilamarín (Ourense) preparou un receitario de preparacións culinarias a base de ortigas, consistente en tortilla, pan, empanadas, bicas, xeados e doces. Este profesor chámase Martín Álvarez.

No mesmo xornal informase de que o 17 de xullo próximo celebrarase a primeira festa gastronómica da ortiga no concello de Vilamarín.Inda que poida parecer unha grande novidade, o consumo de ortiga non é cousa de onte. Dende hai algún tempo unha conserveira de Ribeira está a poñer ortigas en lata, pero hai xa arredor de trinta e cinco anos escoitei eu falar do consumo da ortiga, nese caso en forma de tortilla de ortigas.

Foi en Mondoñedo, onde eu estudaba o bacharelato, parando de luns a venres nunha casa da vila e trasladándome ata a casa dos meus pais, en Ferreira do Valadouro, os fins de semana. De Mondoñedo a Ferreira hai so vinteún quilómetros, pero naquel entón semellaba unha distancia enorme, dadas as deficientes estradas e os non menos deficientes coches de liña que entón facían o percorrido. Así que a meirande parte dos que estudaban en Mondoñedo facían o mesmo ca min.

En Mondoñedo eu vivín cinco cursos na casa de Pilar e Carmen (o de dona non lles gustaba e cando llo chamábamos, que era a cotío, sempre dicían “como los dones valen tan poco, hasta mi caballo se llama don potro”). Dona Carmen era a cociñeira, gran cociñeira. Ela foi quen primeiro me falou da tortilla de ortigas, xa digo que hai arredor de 35 anos. Dicía que primeiro había que cocer as ortigas, para que non picaran, e despois xa se facía unha tortilla como calquera outra. O mesmo que agora nos explican os expertos na cuestión.

En Mazurca para dos muertos, Camilo José Cela fala dun personaxe mitolóxico, chamado Mandrágoro, que se alimenta de ortigas e de sémola e que fala sen abrir a boca. Unha referencia literaria ben antiga é a que podemos atopar na Arte Cisoria do Marqués de Villena, publicado en 1766, no que fala das verduras que comen os reis de entón. Na lista aparecen as ortigas xunto con cardos, leitugas, nabos, cebolas, allos, malvas, etc.

Tamén os suecos son afeccionados as ortigas, que consumen nunha sopa que chaman nässelsoppa, segundo indica Birgitta Sandberg en La Cocina Sueca, publicado en castelán en 1999.

Leo no xornal sobre unha taberna antiga na que se vendía viño (branco, tinto e clarete, di a filla do taberneiro) e tamén había augardente e xerez, cos que se facía a “mezclada”.

Hoxe chamaríanlle unha coctelería ó local. O costume de mesturar bebidas en Galicia ven de vello. A mediados do século pasado Eladio Rodríguez aseguraba no seu dicionario que a “anxélica” era bebida usual no Ribeiro e noutras zonas de Ourense, como parte da parva do inverno, refrixerio de media mañá con pan, papas ou patacas que acompañaban ó viño, á caña… ou á anxélica.Esta anxélica compoñíase de dúas partes de mosto branco e unha de augardente.

Aló pola década dos setenta do século pasado, máis ou menos, púxose de moda entre os nenos de Ferreira do Valadouro outra mestura: o eléctrico. Consistía nun vaso de gasosa no que se deixaba caer unha única gota de vermú ou de cocacola, que baixaba pola gasosa formando vetas de cor ata desaparecer naquela inmensidade incolora.

O nome veulle á bebida do efecto que provocaba en nos ao bebelo, poñéndonos tremendamente eléctricos, por un efecto exclusivamente psicolóxico, por moito que a bebida levara unha solitaria gota de vermú ou cocacola.

Descoñezo quen creou a receita. Os primeiros eléctricos que lembro preparounos Fernando de Vilacemil, entón un rapaciño aínda non adolescente, camareiro do Raña. Tamén lembro os eléctrico da Barra, preparados por Julio.

Xa non se pode pedir eléctrico na Barra nin no Raña, que os dous pecharon. Julio está retirado e Fernando rexenta un bar galego en Madrid. O meu fillo, de sete anos, pídeme de cando en vez un eléctrico para acompañar a cea.

Póñolle un vaso de gasosa cunha pinga de cocacola e vexo na súa cara o mesmo sorriso ilusionado que eu poñía entón.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura