Historias de Gomerso, muiñeiro en Tras dos Ríos

- Tira para dentro. Non quero a ninguén na porta, que non deixas entrar a luz.- Aquela invitación a penetrar no mundo privado do muiñeiro, un muiñeiro que tiña sona de gardar con cara de poucos amigos a súa intimidade malia ser un home comunicativo e aberto en público, aquela invitación imprevista permitíame agardar calquera cousa do home.

O muiñeiro era home de dúas caras. O normal en el era amosarse afable e falangueiro, tanto cos que levaban o trigo a moer coma cos rapaces da zona que, sabedores do seu bo humor, pasabamos polo muíño sempre que podíamos para escoitar algún conto ou dar un paseo acabalo do burro que transportaba a fariña, cousa que unicamente sucedía cando o muiñeiro estaba de moi bo humor e con pouco traballo. Nesto dos burros tiña o home o costume de poñerlles sempre o nome dun cantante popular do seu gusto, xeralmente Manolo, así que un dos seus burros máis recordados foi chamado Manolo Escobar.

Outras veces, sen que poida eu explicar porque, o muiñeiro estaba de tan mal xenio que os rapaces dabamos un rodeo para non pasar por diante do muíño cando íamos bañarnos no Pozo das Moscas, que estaba río arriba do muíño. Neses casos eran os clientes, e máis aínda os veciños, os que pagaban o mal xenio do individuo.

Pero aquel día semellaba estar de bo xenio. “Tira para dentro. Non quero a ninguén na porta, que non deixas entrar a luz”, dixo, e eu pasei ao interior do muíño, onde poucas veces deixaba entrar aos nenos.

Aínda non acabara de entrar e o muiñeiro xa comezara a contar unha das súas historias, na que os protagonistas sempre eran coñecidos, ademais do propio muiñeiro, arredor do que sempre xiraban os contos.

A min gustábame especialmente cando contaba aquel tempo imaxinario en que aseguraba ter traballado nun circo.

No circo eu traballei de domador de panteras; ben, máis ben eu era domador-paiaso, iso si, o meu era o mellor número do circo e a xente ía sobre todo para verme a min.

Cando a gaiola estaba montada na pista e a pantera dentro, saía eu, vestido cunha chaqueta, comendo un anaco de pan con queixo e con cara de despistado, como quen non se entera da cousa, entraba na gaiola. A pantera aquela estaba morta de fame, que unicamente comía despois do espectáculo para que o meu número saíra como debía, así que en canto me vía entrar botaba a andar cara a min para comerme. Eu reaccionaba de inmediato e tiráballe o pan que me quedaba, e a pantera collíao no ar e papábao dun bocado, seguindo camiño cara onde eu estaba. Entón tiráballe o queixo e doutro bocado acababa con el, achegándoseme cada vez máis. Eu facía que me asustaba (claro que non tiña ningún medo, que xa sabía como ía acabar o conto, pero debía de facerme o asustado para darlle emoción ao número e que a xente pensara que estaba en verdadeiro perigo de morte). E cando a pantera abría a boca para paparme, eu sacaba a chaqueta, envolvía nela o brazo dereito, metíallo pola boca, collía a punta do rabo, tiraba forte viraba a pantera, co de dentro para fóra. A xente non paraba de aplaudir nun bo cacho”.

Esta historia da pantera sempre que pareceu un guión de película de suspense, polo que me gustaba moito escoitala da propia voz do muiñeiro, que adornaba o conto con todo tipo de xesticulacións.

Pero ese día a cousa era diferente. “Agora que estamos solo vouche contar unha historia que é toda certa, dende o comezo ata o final” asegurou, co mesmo xesto serio que poñía cando contaba das súas andadas no circo.

Cando era novo sempre me gustou túa mai, pero ela non me facía ningún caso, porque andaba colada por teu pai, que entón era o seu mozo. Pero un día tiven a miña oportunidade.

Foi un domingo pola tarde no salón de Tanín. Túa mai estaba bailando con teu pai e eu andaba por alí aguantando a envexa, cando vin que ao acabar unha peza el saía para ir mexar. Cando empezou a música da seguinte peza fun directo cara túa mai, collina pola cintura e empecei a bailar con ela, que tentou zafarse de min sen poder xa que a tiña ben agarrada. Co tira e dálle eu animeime máis da conta e as maus fóronseme da súa cintura cara o sul, momento no que túa mai me deu unha hostia que resoou en todo o salón de baile.

A xente volveu inmediatamente a vista cara nosoutros, momento no que soltei a túa mai e, con voz suficiente para que todos escoitaran, dixen: “tívoche ben, por zorra”.

O pub A Reixa, en Santiago, está a cumprir dez anos. Isto significa que a taberna do mesmo nome, que anteriormente ocupaba o mesmo local, pechou as súas portas hai xa máis dunha década. ¡Como cambian os tempos, Venancio! cantou a miña admirada Vieja Trova Santiaguera.

A min gustábame ir tomar unhas cuncas á Reixa. Era unha tasca das de sempre, abondo cutre, con barra de madeira destartalada, grandes mesas cubertas dun ule amarelado polos moitos anos que levaba alí, e no fondo do local unhas barricas que había moitos anos que perderan a súa función orixinal, quedando relegadas a mero elemento decorativo para algúns e a un trasto inservible e molesto para os propietarios do negocio, que se non prescindían delas era porque custaba máis sacalas do local que o beneficio que ía reportar a súa ausencia.

Na Reixa non había necesidade de máis sitio, sobraba case todo o que había. Non sei se a miña memoria e o paso do tempo están a xogarme unha mala pasada, pero non lembro ter atopado alí ningún cliente alleo ao meu propio grupo.

Rexentaba a Reixa un matrimonio de certa idade, que pecharon a taberna coa chegada da xubilación. El, sempre detrás da barra, tiña no rostro as cores de quen seguramente nun tempo xamais rexeitou a convidada dun cliente, por moitos que foran os clientes que quixeran convidar. Cando eu coñecín a taberna xa non aceptaba invitacións, que tiña o viño prohibido por prescrición facultativa. Unha mostra máis da degradación do local, ao que aquel home pertencía por dereito propio.

Lánguido e como farto da vida que levaba, o home era exactamente todo o contrario da súa muller. La demostraba un afán excesivo por controlalo todo, incluído o seu marido, dende a mesa cuberta de ule amarelento que ocupaba no medio da taberna. Lémbroa sempre calcetando, soa ou en compaña dalgunha parenta, amiga ou veciña, coa que compartía as longas horas de taberna.

Certo día calcetaba unha bufanda co Compostela, cando o equipo de Santiago triunfaba na primeira división. Díxonos que era para o se neto, que en San Lázaro ía abondo frío. Tamén dixo que se elle levabamos a la calcetaría outras tres bufandas para os que aquel día fomos tomar as cuncas. De terlla levado hoxe gardaría un recordo tanxible da Reixa, a taberna emprazada Tras Salomé, en Santiago de Compostela, hai máis dunha década.

Coincidindo coa festividade da patroa de Ferreira do Valadouro, o 9 de setembro a sociedade El Valle de Oro celebra un banquete na honra dos seus asociados, segundo se pode ler no programa.

O menú é o que segue:

Vermouth MARTINI

Entremés:
Jamón dulce, Pierna de Puerco, Salami, Gruyere, Pepino y Aceitunas.

Medio Pollo con Arroz

Lomo de Puerco adobado con papas doradas

Postre:
Brazo Gitano

Pan – Café

Cerveza Polar

Trimalta para las Damas

Tamén podemos ler no programa que o banquete foi servido “por los populares Abundio y Campita”.

A festa tivo lugar o 9 de setembro de 1956, vai para medio século, no Salón Extra da Cervecería “La Polar”, en La Habana.

Nada se indica sobre a música. Nunha entrevista realizada en 1999, Celia Cruz díxome que no seu comezo cantou algunhas veces nas festas que os galegos organizaban nos xardíns de La Tropical, tamén na Habana. ¡Quen sabe o que se escoitou este día en La Polar!

Pasou un verán de hai xa ben anos nun tradicional e coñecido bar da vila de Foz.

Detrás da barra dous rapaces, noviños, gañan o seu primeiro diñeiro como camareiros antes de volver ás aulas co inicio do curso.

Do outro lado, un cliente habitual, unha desas persoas que ninguén quere como clienta habitual do seu negocio: mal educado, de comportamento chulesco e faltón.

O cliente, consumidor habitual de coñac, marea no camareiro todo o que pode para rematar pedindo unha consumición.

Rapaz, ponme unha copa, di.

¿De que lla poño? pregunta Pepiño, un dos camareiros novos.

O cliente segue a vacilar, marear e faltarlle ao camareiro, que o leva aguantado durante días e está algo farto del.

¿De que quere a copa?, insiste o rapaz.

Finalmente, o cliente contesta: Do que son.

O camareiro era noviño, pero non por iso exento de malicia. E aí vai, colle a copa, pona derriba da barra, pilla a botella e serve… unha copa de Anís del Mono.

Din que foron outros clientes os que impediron que lle andara ao camareiro co monte dos piollos aquel bebedor habitual de coñac Soberano.

Esta historia recolle fielmente a realidade do sucedido, ou polo menos así o aseguraron no seu momento os protagonistas. Os nomes son reais.

Xa deixou atrás A Laxe e A Lavandeira, onde atendeu coas súas mellores mañas ás mulleres que saen á estrada ás súas insistentes chamadas. Dúas ou tres veces por semana a furgoneta congrega ao seu redor o mellor de cada casa que, ao tempo que merca o peixe para a comida non perde o tempo para murmurar sobre as veciñas ausentes. Son as cousas das aldeas e as vilas pequenas onde o latricar sobre os demais é un costume social dificilmente de eliminar, por moito que sempre as persoas máis murmuradoras son aquelas que máis merda levan ás costas.Pero non encaixa ben aquí o xénero escatolóxico, posto que estamos a falar de peixe fresco para a comida.

Coa furgoneta cargada do peixe mercado esa mesma mañá na rula de Burela, a vella furgoneta avanza cara o centro da vila, a Praza, así, a secas, sen apelido. Que por moito que sexa a única praza que hai na vila, non leva o epíteto de Maior, e ata se ve na obriga de compartir o seu espazo co Cantón, que se sitúa ao outro lado da estrada. A estrada pola que xa vai a furgoneta, vella, inconfundible, e que hoxe non reuniría seguramente ningún dos requisitos sanitarios precisos para transportar alimentos frescos tan delicados coma o peixe.

O vehículo avanza paseniñamente cara o seu destino. Noutro tempo, ao chegar ao punto final e tras parar o motor, o chofer do mesmo habería baixarse para facer soar con forza a caracola que anuncia ás amas de casa a chegada do peixe fresco.

Pero el é un revolucionario, un adiantado ao seu tempo, así que polo solitario altofalante emprazado no máis alto da furgoneta lanza o seu pregón mentres baixa a costa: “Hai chicharro, hai sardiña, hai congro, hai fanecas. ¡ALA AO PEIXE GORDO!.

Chegou Teolindo.

Vengo de tomar una estupenda tapa de sopa acompañada de un vino y las inevitables patatas fritas “chips”.

Se trataba de una sopa de verduras y legumbres con pasta. Vaya, que no sé como se arreglaron en el bar para poner todo dentro de una taza de café tirando a pequeña.

Acostumbrados a callos, empanada, pulpo y tapas semejantes, siempre sorprende la sopa, pero no es la primera vez que me la ponen ni será la última.

Aún recuerdo un frío día de invierno (sábado o domingo, seguro) que en la Pobra do Caramiñal nos pusieron de tapa una taza de caldo, caldo gallego, con sus habas, sus patatas, las nabizas y un trocito de chorizo en medio. Nos pareció espléndido.

Donde la sopa es tapa relativamente común es Madrid. Allí, muchos bares y tabernas tradicionales sirven en invierno, para acompañar al Valdepeñas o a la caña una tacita de caldo, caldo limpio, resultado de cocer en una gran olla los huesos de los jamones que se venden en el mismo local en raciones. En alguno de estos bares he visto inmensas ollas de aluminio, puestas a la lumbre, de las que sobresalían las uñas de varios jamones.

Pero las tapas de sopa que siempre más me gustaron a mí fueron las de A Selva, el bar que en Ferreira do Valadouro regentó un tiempo el Langredo, mutilado de guerra, matachín y sumiller reincidente hasta que la prescripción médica lo sacó del vino.

Yo no conocí A Selva, que en mi tiempo el local estaba ya ocupado por el taller de zapatería de Reixa, pero sé de ella y sus tapas por mí padre, hechos todos ellos confirmados por el propio Langredo.

A Selva nació para darle la réplica a Os Lobos y O Bosque, que se encuentran en el extremo contrario de la villa. Tampoco conocí O Bosque, pero fui cliente fiel de Os Lobos hasta el fin de sus días. En Ferreira ya no quedan tabernas de las de antes, pero a mí me siguen gustando las tapas de sopa del Langredo.

A televisión é hoxe tan común nos nosos fogares, que raro é aquel no que non hai dou ou tres aparellos distribuídos pola casa. Na miña está presente ata na cociña, así que mentres cun ollo controlas a fritura das fanecas da cea, co outro miras como vai o mundo, ou como nolo contan nos telexornais.

Pero hai trinta ou trinta e cinco anos eran moitos os fogares galegos que non dispoñían de tal aparello, así que o “Un, dos, tres” íase mirar ao bar, coa conseguinte mellora na caixa desa noite.

A comezos da década dos setenta pasados eu era estudante de bacharelato en Mondoñedo. Na casa onde paraba de luns a venres non había televisor, así que de cando en vez íamos ver os programas estelares á casa do Manxarín, veciño de ao lado segundo se tiraba cara aos Remedios.

Era unha estampa curiosa. Alí estaban o Manxarín e a súa muller, dignos de ser retratados por Cunqueiro en “Xente de aquí e de acolá”, os catro estudantes de bacharelato (debería dicir “as”, xa que tres eran rapazas) e o resto da tropa sentado en dous escanos, ao pe dunha lareira tradicional, mirando para un televisor noviño do trinque.
O lume era pouco, e cando non ardía amodo, o Manxarín sopraba nel a través dunha cana que el mesmo furara.
Cando íamos á casa do Manxarín vela televisión, a señora Carmen, a cociñeira da casa onde paraba (¡e vaia coa cociñeira!) preparábanos o corpo contra o intenso frío do inverno.

Poñía ao lume unha cazola con viño tinto e auga (¿ou eran viño e leite?), no que cocía o chocolate, engadindo ademais unha cullerada de manteiga, daquela manteiga de baluga, caseira, que compraba cada semana no mercado. Eu bebía aquel chocolate en viño (moi saboroso, pero algo forte) e de inmediato a fervedura chegábame á cara. Xa non pasaba frío en toda a noite.

Aquel chocolate en viño era o tal para este fríos días de novembro.

A mesa parecía unha multinacional do xornalismo. Sentados á mesma profesionais de tódolos países da entón Comunidade Económica Europea, composta por doce países. Tamén había representantes dun bo número de membros da Commonwhealt, xa que a comida tiña lugar con motivo dunhas xornadas agrarias celebradas na universidade inglesa de Warick.Serviron a mesa e alguén desexou ao resto de comensais un “bo proveito”, o iniciativa que serviu para iniciar unha rolda de intervencións na que cadaquén expresou ese mesmo desexo na maneira propia do país de orixe.

Ata que chegou o momento de intervir a un xornalista inglés, xubilado do servizo en español da BBC, sentado ao meu rente. Mirando para min, que o precedera na intervención, dixo nun correcto español: “os ingleses cando imos beber decimos “chers”, pero cando imos comer non dicimos nada… total, xa sabemos que non nos vai aproveitar”.

Agora un coñecido profesional inglés da restauración di que a comida do seu país é unha bazofia.

Certamente, non é Gran Bretaña o mellor lugar para disfrutar da gastronomía, pero penso que os dous esaxeran un pouco.
Mesmo naquela comida de xornalistas nos serviron un cordeiro delicioso, que xa é moito dicir para quen, coma min, non da un chico por esa carne. Tamén dispoñen os ingleses de estupendos pratos de caza e dunha das mellores reposterías que teña probado.

Non é, xa o dixen, Gran Bretaña o paraíso do gastrónomo, pero seguro que hai lugares moito peores para comer. Ademais, os ingleses inventaron o gin tonic, cousa pola que xa merecen un respecto no ámbito culinario.

Dos meus primeiros días en Ferreira lembro moi ben o moito que me amolaba que me chamaran o cubanito. Con aquelas palabras a xente non facía máis que poñer patente unha realidade da que me sinto especialmente orgulloso: a miña cubanía, que paseo por alí onde estou, o mesmo que a miña galeguidade. Dúas condicións sagradas. Pero aquel epíteto que me dedicaba a xente molestábame porque me facía sentir diferente do resto dos nenos da vila, cando eu quería ser un máis deles.Tamén lembro daqueles tempos e dos anos seguintes o descubrimento dun mundo novo, especialmente no referido ás cousas do comer. En Ferreira non había o pollito frito que constituía un dos meus alimentos preferidos na miña Habana natal e que co paso do tempo souben que non era tal pito, senón ancas de ra, unha variedade propia do Caribe, a ra toro, cuns zancos tan grandes que fritos semellan ás de pito.

De neno en Ferreira descubrín o caldo, que tardei longo tempo en aceptar de bo grado e que agora reverencio. E atopei unha das esencias da gastronomía galega, esencia que se atopa en franca decadencia entre nos malia o enorme aprecio que ten noutros países: a castaña.

Entón gustábanme especialmente as castañas asadas e menos as cocidas, posiblemente porque as primeiras me resultaban máis fáciles de pelar e comer que as segundas. Pode que por un atavismo infantil agora cando quero empregar castañas cocidas nalgunha receita recorro sempre ás excelentes castañas cocidas que poñen en lata un par de empresas conserveiras ourensáns.

Xa, xa sei que detrás deste costume tamén hai algo de vaguería, pero asegúrolles que tales castañas en lata son estupendas e as máis gordas que se poidan imaxinar. Se non o cren, preguntenlle a ese amigo meu de Ferreira e á súa muller, aos que lles traía as latas de castañas de Madrid, cando non se atopaban nos supermercados galegos por moito que foran un produto de Ourense, para darse grandes ceas de castañas con leite.

Este costume de comer as castañas cocidas con leite e azucre foi moito do Valadouro, inda que non exclusivo da nosa terra, xa que da mesma maneira se consumen as castañas noutros lugares de Galicia. Penso que xa son poucas as familias nas que esta cea tradicional sexa algo máis que esporádica nas noites de outono e inverno.

No “Picadillo”, unha das biblias gastronómicas galegas, hai unha receita de castañas en leite, algo diferente da que eu coñecín en Ferreira. Picadillo indica que hai que pelar as castañas e poñelas a cocer en auga con fiúncho, escorréndoas cando estean a medio cocer, para pasalas a outra pota e acabar de cocelas con leite, e finalmente deixalas arrefriar antes de comelas.

Outro xeito de comer as castañas cocidas que recordo da miña infancia, e que de cando en vez practico, é acompañada de arenques salgados.

Na miña casa poñíanse as castañas nunha fonte e os arenques noutra e cada un servíase o que quería. Os adultos collían un anaco de papel de estraza no que envolvían un arenque ao que, de seguido, lle daban un bo golpe coa man, de maneira que a meirande parte da pel e escamas do peixe quedaban pegados no papel. De seguido comíase a carne do peixe acompañada das castañas, que suavizaban os excesos salgados do arenque.

Os pequenos, que non tiñamos forza abondo na man para golpear o arenque non permitíamos que os maiores fixeran por nos ese traballo. Con paciencia envolvíamos o noso peixe no papel de estraza e, con moito coidado, poñíamolo no borde da porta da cociña, preto das bisagras, e empregabamos a forza da mesma ao pecharse. Sen sabelo, estabamos empregando o principio da palanca que tanto nos daría que estudar despois na escola.

Os arenques son outro deses manxares que están en franca decadencia. No meu maxín sempre irá asociados aos Lobos ou á casa de Orencio, no Pazo de A Laxe, onde mercaba miña aboa da Lavandeira, ou a casa de Ramón Blanco, onde mercaba miña mai. Precisamente a este tendeiro da Ponte referíase un veciño do Valadouro cando quería expresar graficamente as penurias que algúns pasaron despois da guerra civil e a fortuna que sorriu a outros, inda que fora na emigración cubana. “Ramón Blanco come dous arenques para abrir o apetito –dicía- e eu con un teño que pechalo”.

Xa non hai arenques coma os de entón, nin as castañas saben igual. Tamén pode ser que nos imos facendo vellos e lembramos cunha mestura de envexa e tenrura os anos distantes da infancia.

Agora vou rematar, para apuntar na miña axenda, antes de esquecerme: “mercar arenques e castañas”.

Despois de 18 anos traballando en Madrid, regresei a Galicia, para quedarme, a comezos dun mes de novembro hai xa preto de 15 anos.
Non puido ser mellor a celebración do regreso. Aquel primeiro de novembro, día de tódolos santos, atopei en Ferreira do Valadouro co meu amigo Miguel, veterinario na Terra Cha, e co que tiña compartido boas comidas, merendas e ceas, en compaña do resto dun bo fato de amigos.
’’Esta noite ceno na casa dun amigo chairego, e vai haber festa’’, dixo, pasando a explicar sen moito detalle o menú que agardaba atopar na chaira.
’’A eso tamén me apuntaba eu ’’, contestei.
’’Pois veña, que hai confianza co anfitrión e comida ha de sobrar’’.
Dito e feito, pola tarde puxémonos en camiño e, cando chegamos ao noso destino, o xefe da casa estaba ocupado en muxir e dar de comer as vacas, nunha corte que me impresionou polo limpa e ben montada que estaba.
O amigo do meu amigo non deixou de desculparse e reprocharlle a Miguel non ter avisado que levaba compaña para preparar algo mellor que o que se estaba a cociñar. “Non lle hai máis que comida de aldea –dicíame- non sei se lle vai gustar”. Eu, que estaba avisado, non deixaba de tentar tranquilizalo asegurándolle que o que máis me gusta na vida é, precisamente, a comida de aldea. Primeiro pensei que aquel home retranqueiro tentaba tomarme o pelo de maneira miserable, pero acabei convencido de que era totalmente sincero na súa preocupación polos meus gustos culinarios.
Rematada a faena e visitadas as partes fundamentais dunha granxa ben montada, con vacas leiteiras de calidade, pasamos á cociña da casa, onde a muller e a sogra do noso anfitrión se afanaban nos últimos remates da cea. A cociña ulía a gloria.
Tratábase dunha casa tradicional galega, de pedra, cunha cociña ampla e con de modernos electrodomésticos, pero dotada dunha boa cociña económica, ou bilbaína como din noutras partes do país, instalada case no centro da estanza, cunha ampla pedra de mármore a un costado e rodeada por dous lados, os máis próximos á parede, dun banco corrido de madeira. Sentamos arredor da pedra de mármore e tomamos un vaso de viño mentres chegaba á mesa unha gran tarteira con pato guisado con patacas, seguida doutra de faisán asado e unha terceira de arceas, todas elas aves silvestres cazadas polo noso amigo.
Ceamos marabillosamente. Xamais esquecerei aquela “comida de aldea” chairega.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura