Teño escrito en varias ocasión sobre a Colineta e estaba convencido de que algunha vez o fixera aquí, no blog, pero acabo de descubrir que non buscando eses artigos para enlazalos con este. Así que chegou a hora de facelo e ademais rescatarei os artigos sobre este doce publicados no xornal El Progreso para poñelos aquí.

Nas terras do Valadouro e próximas, para os da miña xeración e anteriores dicir colineta é lembrar un dos doces máis marabillosos que teñamos probado na nosa vida, a verdadeira ambrosía dos clásicos. E por derriba recuberta do misterio que producía o segredo da súa fórmula, un club do que formabamos parte un grupo moi reducido de persoas xuramentadas para que non transcenderan fóra do mesmo máis que os ingredientes que a compoñen.

Primeiro foi A Pisona, a Tía Aurora para familiares e achegados. Irmá de meu avó por liña materna, mantiña na súa casa un negocio de elaboración de doces por encarga, así que nas épocas de festa traballaba sen parar. Artesanía pura, ovos caseiros se os había (admitía que os clientes levasen os seus propios ovos, que descontaba do prezo dos doces), materias primas de primeira calidade e un forno de pedra tradicional, máis que centenario, que lle daba aos doces un toque inimitable. Con ela traballou Pepita, sobriña de Aurora e tía miña. E con ela rematou unha curta pero intensa tradición familiar, e acabáronse as colinetas no Valadouro. Pepita quería que eu continuara con negocio, pero conformeime con herdar as súas receitas.

Claro que, contra o que moitos pensan por aquelas terras, a colineta nin era receita exclusiva da Pisona nin propia, típica, do Valadouro. En Asturias hai colinetas, probablemente as houbo no País Vasco e tamén en Cataluña. Pero con variacións entre uns sitios e outros.

Por Bernarda, de A Troia, entérome de que a receita da colineta está publicada en internet e conéctome rapidamente para comprobar que se trata dunha copia da receita publicada en 1935 pola Marquesa de Parabere no seu libro “Enciclopedia culinaria. Confitería y repostería”. Pero o gran mérito de Las recetas de mamá é que adapta a receita da colineta para preparala coa thermomix. Equivócase, en cambio, na temperatura do forno, que non debe sobrepasar os 150 grados centígrados para que resulte unha verdadeira colineta, que é un biscoito lixeirísimo e delicioso. Cocida a 180 grados semella máis unha torta de Santiago que unha colineta.

Porque en realidade a composición da colineta é a mesma que a da tarta de Santiago: améndoas, ovos, azucre e reladura de limón. Nin máis nin menos.

En Las recetas de mamá recomendan a colineta para celíacos. E moi acertadamente, xa que non leva fariña de ningún tipo e, que eu saiba, nin as améndoas, nin os ovos nin o azucre conteñen glute.

¿Cal é, pois, a orixe da colineta? ¿Cómo se fai?. O post xa vai sendo algo longo e para reponder a ambas cuestións preciso, como mínimo, outro tanto de espazo, así que… continuará.


O meu amigo J. estivo bastantes minutos preocupados pola raxa, e non a da faldra da camareira senón a de limón que pensaba poñerlle ao seu café con xeo, con gran sorpresa por parte da meirande parte do resto de presentes na mesa, aos que poñerlle limón ao café lles resultaba raro, pero non poñerlle xeo, nin tampouco poñerlle xeo ao café con leite. Eu, fiel ao meu costume, tomeino so e cortiño. Pero J. decidiu que eu tiña autoridade suficiente para respaldar a súa teoría de que o limón é imprescindible e reclamou, naturalmente, un post en Colineta sobre o asunto. Misión cumprida

O coñero é que pouco despois atopei no supermercado un café soluble que se anuncia como especial para o café con xeo.

Isto de mesturar café e xeo é moi español. Non vaian a Italia, un dos países onde mellor se prepara o café, a pedilo con xeo, porque seguramente non vai sacar máis que unha dor de cabeza ou, se cabe, dúas: a propia e a do camareiro que o atenda. A medio mundo parecelle ben tomar no verán te xeado (pode que o cine norteamericano teña algo que ver no caso), pero cando ao café se lle inverte a temperatura comeza a xente a escandalizarse.

Sobre o asunto do limón, pois que lles vou dicir, que hai para tódolos gustos e non é a primeira vez que o vexo facer inda que a min, que ás veces no verán tomo un, nunca se me ocorreu facelo. Prometo que na próxima ocasión non vai faltar o limón, que de todo hai que probar.

Dándolle voltas ao asunto de poñer xeo nunha bebida que se elabora con auga fervendo, veume á cabeza o éxito que Pichi tiñas cos xeados que servía de postre no seu bar-restaurante da rúa Torres Miranda, en Madrid. Desculpen se non poño o nome do local, pero é que non me lembro. Pichi tiña unha personalidade tal que agora que o penso igual nunca ninguén soubo como se chamaba o local porque sempre dicíamos o mesmo: imos tomar algo cabo de Pichi.

O caso era que os xeados do Pichi estaban sempre no seu punto. Brandiños, cremosos, nunca servía un deses tan conxelados e duros que había que partilos a golpes. Un día descubreunos o segredo: antes de chegar á mesa os xeados sempre pasaban polo microondas. Aquilo lembroume cando moi nena miña prima A. chegou cabo miña aboa cun cucurucho que lle acababan de agasallar pedindo que o metera un pouco no forno porque estaba moi frío, ou cando a mai de C. quixo aproveitar o Tulipán que quedaba pegado no envase, botou dentro un pouco de leite e puxoo sobre a prancha da cociña acesa. Eran tempos nos que os plásticos non eran tan comúns como agora. Nin que dicir ten que para limpar a prancha tiveron que aplicarse a fondo co Pedramol.

En fin, que ao final cheguei á conclusión de que unha cousa é a temperatura precisa para preparar o café e outra a temperatura á que se consome a bebida. Porque a min tampouco me gusta o café demasiado quente. [/lang_gl]

Hoxe volveron á miña cabeza os grandes momentos pasados na hai tempo desaparecida Taberna Cubana, que se situaba na madrileña rúa María de Guzmán, ás costas desa marabilla realizada polo arquitecto galego Antonio Palacios que é o coñecido como Hospital de Xornaleiros de Maudes, hoxe sede dalgúns organismos oficiais da Comunidade de Madrid. Vese que a Palacios lle gustaba darlle ás súas obras un aspecto distinto do uso ao que ían dirixidas, de maneira que o Hospital a todos lles parece unha igrexa e Troski, na súa estanza en Madrid, rebautizou o Palacio das Telecomunicacións, antiga sede de Correos na Praza da Cibeles, como “Nosas Señora das Telecomunicacións”, porque non parece unha igrexa, senón unha catedral. Outra obra salientable de Palacios na zona é o edificio do Banco Central. Por imperativo legal non se podían construír máis de dous pisos, que son os que o edificio ten exteriormente, pero por dentro deben ser cinco ou seis.

En fin, que a arquitectura madrileña de comezos do século XX ten un nome propio fundamental: Antonio Palacios.

Pero a cousa ía non de arquitectura madrileña senón da Taberna Cubana, na que tantos momentos estupendos pasei noutro tempo. Tan pequena tan pequena que cunha ducia de clientes xa se enchía e con quince revertía, que era a situación habitual o establecemento. O mérito era de Elma, unha habaneira descendente de xentes da parroquia de Noche do concello de Vilalba (Lugo).

Elma lembraba a seu avó vilalbés e como con frecuencia preparaba o cocido na Habana e coas sobras do mesmo (carnes, garavanzos, verduras e ata os fideos da sopa aos que escorría o caldo) facía unha tortilla á que segundo a habanera chamaba “molleta”. Eu andei por Galicia detrás da molleta pero non fun quen de dar co seu rastro e ademais o nome, de aspecto catalán, tenme algo despistado.

Na Taberna Cubana Elma non poñía molleta. A súa especialidade eran os cócteles cubanos de toda a vida. Facía os mellores mojitos e daiquirís que teña probado na miña vida, e ademais ensinoume a facelos, pero nunca fun capaz de sacar no daiquirí o punto que ela conseguía. E tamén preparaba mulatos, cubanitos, jaibol, e tantos outros, sempre con auténtico ron cubano (Habana Club) o que moitas veces lle levou a ter problemas co peor da colonia cubana en Madrid e ata a recibir anónimos con graves ameazas, que eu mesmo tiven nas miñas mans.

Non lle importou e seguiu empregando Habana Club, que daquela era o único ron cubano que había en España, porque dicía que tódolos demais non valían para o seu traballo. Na Taberna ofrecía o catálogo completo de Habana Club, que daquela eran os de 3, 5, 7 e 15 anos, así como o Edmundo Dantés, de 25.

Elma ata inventou o seu propio cóctel. Resulta que nun tempo os importadores de Habana Club, que daquela era a firma española Larios, traían de Cuba o ron e un licor doce, de canela, de baixa gradación (arredor de 20 grados) que se chamaba Licor Diabólico. Dalgunha maneira se amañaron para obrigar aos consumidores de ron a mercar tamén o Diabólico e a nosa amiga, que se negaba a vender chupitos aos rapaces que daquela aínda non facían botellón, só lle atopou un destino: o cóctel Diabólico Cubano.

Nun vaso de mojito (vaso de tubo pero máis baixo que os normais e, polo tanto, de menos capacidade) poñía unha gotas de zume de limón, unhas pedras de xeo, un chupito de Habana Club 3 anos e outro chupito de Licor Diabólico. Despois enchía de zume de laranxa natural ata o borde, remexía e listo.

De verdade que era diabólico o combinado, porque entraba como auga e subíase á cabeza coma o ron e o licor que levaba. Así que non era raro que os que se atrevían cun diabólico despois de seis ou sete mojitos ou daiquirís acabasen algo peneques.

Pero eu ía falar aquí do sorbete de mojito e xa esgotei o espazo, así que mellor será que lle dean a volta á páxina para mirar a receita.

Volver a los diecisiete/ después de vivir un siglo/ es como descifrar signos/ sin ser sabio competente”. Nin século nin sabio nin competente, pero estoutro día volvín aos dezasete paseando Mondoñedo cun feixe de libros debaixo do brazo, como nos meus tempos de estudante de bacharelato na antiga capital de provincia onde tiven o privilexio de saudar unha tarde a Álvaro Cunqueiro. Mágoa que daquela non admiraba ao mindoniense como agora e todo quedou nun saúdo propiciado polas sobriñas do escritor, compañeiras miñas de clase.

Entre os obxectivos da visita á vila episcopal estaba xestionar a publicación do primeiro texto culinario galego do que se teña coñecemento, que polo momento durme entre outros manuscritos, case douscentos anos despois de ser escrito seguramente na vila natal de Cunqueiro.

Aparquei fronte ao cementerio vello e a primeira visita foi ás tumbas de Álvaro e Manuel, Cunqueiro e Leiras Pulpeiro, o médico-poeta ao que o clero da época non lle perdoou o seu fondo sentimento anticlerical mandándoo ao cemiterio civil. Contan que na noite posterior ao enterro moitos paisanos da zona, agradecidos co médico, carretaron sacos de terra dos cemiterios das súas parroquias para que Leiras repousara, malia todo, en terra sagrada. Esta primavera (mil primaveras máis para a lingua galega desexou Cunqueiro) entoleada non permitiu aínda que florecera a roseira que hai ao pé do panteón de Leiras, que nun poema pediu rosas vermellas ao seu rente.

Camiño do centro da vila pasei ante o vello cuartel da Garda Civil, unha impresionante casa grande, e despois mirei sen ver o escaparate da antiga confeitería de Pura, onde me pareceu ver as súa afamadas tortas entre non sei que mercadorías actuais. Pode que unha tenda de roupa.

E despois a antiga pensión do Manxarín, onde vivían boa parte dos meus compañeiros de bacharelato e que tiña comedor para os aloxados na casa e os viaxeiros e viaxantes que pasaban pola vila, situación que se repetía algo máis adiante en “El Valle de Oro”, onde comín con meu pai a primeira vez que visitei Mondoñedo para facer os exames de primeiro que preparara por libre. Comín unha “carne asada” delicioso, cuxo sabor aínda teño na boca. Tiña eu entón 11 anos.

Non era hora de cocer e por iso a panadería Castro non me agasallou cos seus aroma de pan e empanadas acabadas de facer, e acabei tomando un café no bar Central, despois de mirar un momento para o escaparate do local onde comezou a súa aventura empresarial o Rei das Tartas, onde seguen vendendo as mesmas madalenas que hai case corenta anos.

No Central tomei café, que aínda era cedo, pero quedáronme gañas de pedir unha daquelas tapas de zorza que comíamos cando estudantes.

Dende o bar mirei a rúa onde Manolo Montero, cando aínda non era o Mago Merlín pero si Manolita Montero para as malas linguas, tiña a súa librería agora convertida en museo. Durante cinco anos Montero foi o meu libreiro (Cunqueiro dixo que era o seu “libreiro de cámara”) e provedor de material de papelería, o mesmo que Alvite, para quen sempre me daba lembranzas meu pai xa que se coñeceran en Cuba.

E mirei o vello local da imprenta onde de rapaz mercaba as fichas nas que preparábamos a asignatura de historia e onde sempre me gustaba ver a Fernando imprimindo tarxetas ou folletos nunha vella Minerva semiautomática. Na Alianza, que hai 104 anos era “dulce” e anunciaba na prensa local os seus buñuelos de vento e ósos de santo (¿quen dixo que son cousa recente?), non había cañas de follado recheas de crema, que tanto lle gustaban a meu pai, así que seguín camiño para mirar un momento a Catedral. E como a hora da cita ía achegándose virei cara arriba e pasei diante do xa inexistente ultramarinos no que mercabamos as campurrianas e as vainillas. E vin o vello Meilán e o Troita, que xa non están, e a Tropicana que semella seguir igual. Afortunadamente non atopei con ningún dos vellos compañeiros, o que me evitou as lágrimas.

Como había que aproveitar o tempo pasei polo xulgado para preguntar por un asasinato do tempo de Jack o Destripador que me trae de cabeza, e mirei outra vez a Alcántara, que me pareceu moito máis pequena do que era daquela, e o sitio no que algún día estará a fundación, ou como lle chamen, Álvaro Cunqueiro, un vello proxecto mindoniense que o Goberno non da desenvolvido. A ver se o ministro de Cultura, cunqueirán de pro, consegue rematar con este esquecemento.

Saín de Mondoñedo por diante da Fonte Vella e o vello Seminario, co corazón cheo de lembranzas e saudade. Da fiestra dun vello pazo saía a voz de Violeta Parra: “… volver a ser de repente, tan frágil como un segundo…”

Si vas a Calatayud pregunta por la Dolores” di ben ás claras a popular xota aragonesa, así que o meu amigo F. parou na vila e preguntou onde quedaba a Dolores a unhas mulleres que estaban na rúa. Nunca tal fixera.

As dúas donas, ofendidísimas, montaron un balbordo ao que se foron sumando veciñas e veciños das casas próximas, nuns casos chamadas polas consultadas en primeiro lugar e noutros atraídos polo escándalo que había na rúa.

Pregunta por la Dolores”, repetían unha e outra vez os congregados arredor de F., cada vez nun ton máis ofendido, ante o que o meu amigo decidiu pregar velas e tentar serenar os ánimos.

Entonces tomaré algo en aquel bar”, dixo sinalando un establecemento ao outro lado da rúa, momento no que un dos congregados de maior idade mandou calar e, cun tono máis relaxado, inquiriu a F.: “¿Pregunta usted por la taberna de la Dolores?. Hace ya tantos años que desapareció que mucha de esta gente ni sabe que existió”, dixo o vello.

O meu amigo non contestou, entrou no bar e pediu unha tila, mentres na rúa a xente se ía retirando ás súas casas marmurando polo baixo.

A historia sucedeu hai moitos, moitos anos. Ou igual non, que eu non estaba alí e so sei o que contaba F. Do que si estou seguro é de que en Calatayud vin por primeira vez na miña vida un congro curado, guindado na porta dun ultramarinos dos que xa poucos van quedando. Semellaba un traballo fino procedente de remotas terras, pero fora curado en Muxía.

NOTA FINAL: rematado o texto anterior busco información sobre o asunto e atópome conque en 1987 (anos despois de que F. me contara a súa aventura) se descubriu que “la Dolores” fora unha muller de carne e óso. E tamén leo que Calatayud conta dende 1999 cun “Mesón de la Dolores” no que antes foi a “Posada de San Antón”.

“Bótalle azucre” é a expresión que empregamos cando queremos dicirlle a alguén, con suavidade, que se amole. Cando non temos un chisco de diplomacia, o habitual é substituír esta frase po outra máis contundente: “fódete”.

O caso é que por causa dunha broma, descubrín que miña bisavoa por liña materna-materna botáballe azucre ás patacas fritas que lle servía a meu tío-avó José María do Perrochico.

De inmediato probeinas e non me pareceu unha idea tan extravagante como pode parecer. E de seguido lembrei que miña avóa, por liña materna, tamén era moi afeccionada ao emprego do azucre en pratos que, normalmente, comemos con sal.

Así que lembro moi ben as tortillas francesas que, de neno, me poñía con azucre por derriba e que tanto me gustaban, polo que xa teño o firme propósito de volver probalas.

Tampouco é unha idea tan rara a da tortilla francesa con azucre, que pode moi ben ir reenchida de mazá ou de plátano, que previamente se pasan pola tixola cun pouco de manteiga ou un aceite de pouco sabor, preferentemente o de xirasol. Pero para tortillas doces, a de pera que me ensinou a facer miña sogra, colombiana e expertas en doces sorprendentes.

Pélase unha pera, córtase en anaquiños e pónse a cocer nun pouco de auga con azucre. Unha vez cocida retírase e no xarope que queda empapase un anaco de biscoito, unha madalena, un “sobao” ou calquera cousa semellante que se teña á man. De seguido mesturase a pera, o biscoito empapado en xarope e o ovo batido e faise unha tortilla que acaba tendo os aspecto da de pataca, pero evidentemente un gusto moi diferente. A min gústame cando aínda está morna.

Desmontado, pois, a extravagancia da tortilla francesa con azucre, teño que lembrar os ovos fritos, con azucre no canto de sal, que tamén facía miña avoa materna. E non poido lembrar o seu sabor porque penso que nunca os comín, por moitas veces que llos vira facer. Terei que probalos.

E non sei se miña avoa o fixo algunha vez (penso que non), pero miña tía Pepita, que facía as mellores colinetas do mundo, acostumaba a pasar os roxós pola tixola e servilos quentes espolvoreados con azucre, que é unha maneira distinta de comelos pero moi rica, palabra. Tampouco me parecde un uso tan estraño se temos en conta que a empanada de roxóns, noutros lugares coñecida como torta de roxóns, leva azucre, anís e pasas e resulta deliciosa.

Seguindo cos usos familiares do azucre, lembro tamén a meu tío Paco comendo aguacates de sobremesa. Párteo pola metade ao longo, saca a semente e reenche o burato con azucre. De seguido, cunha culler, vai collendo un pouco de aguacate e un pouco de azucre. ¡Rediola, tampouco os probei!, teño moita tarefa pendente. So dicir, para rematar, que meu tío colleu ese costume en Brasil, onde vive.

Un boa, espléndida ensaladilla caseira, preparada coas mellores patacas, chícharos e tomates, non pode ir á mesa sen a compaña da mellor maionesa feita cos mellores ovos, aceite de oliva e zume de limón.

Así foi aquel día en que se xuntaba a familia a comer. Sería verán, supoño, xa que a ensaladilla presta moito nos días de calor.

Comíamos todos cando un de nos, precisamente o que preparara a maionesa, botou man á boca e, discretamente, sacou algo que non tiña que estar entre os ingredientes da ensaladilla. E debeu poñer cara de sorpresa, supoño, que ninguén se deu conta da súa acción ata que o contou algo máis tarde.

Pouco despois, outro dos comensais fixo o mesmo e amosou publicamente o que lle molestara na boca: un anaco de unlla, perfectamente cortado, aparecera no medio da ensaladilla. O mesmo que lle pasara ao que preparou a maionesa e que ocultara o achado pensando que non se ía repetir.

¡Que noxo!, pensamos todos. ¿Cómo é posible que unha unlla, ou mellor dito, dúas, foran parar á ensaladilla, preparada na casa con todo o esmero do mundo? pensamos todos e, supoño, alguén expresou en voz alta mentres cada un remexía o seu prato na busca de máis inmundicias.

E apareceron. ¡Outra unlla!, pero neste caso non estaba soa, ía acompañada de algo máis. A expresión de noxo multiplicouse nas caras de tódolos presentes, pero un sinxelo exame do novo achado foi suficiente para que se relaxara o ambiente e houbera risas durante un bo anaco: as tales unllas non eran máis que unha semente do limón cortada polas coitelas do batedor con que se fixera a maionesa. Pero talmente parecían as unllas dun rapaz.

Non fun eu quen fixo aquela maionesa, pero sempre paso o zume de limón por un coador antes de poñelo na mesma. Paréceme un sistema máis axeitado que o que lin hoxe nunha revista, onde para evitar que as sementes do limón caian onde non deben, recomendan envolvelo cítrico nunha gasa antes de apertalo para sacarlle o zume.

O da “unlla” non foi agradable, pero… pensar no limón envolto en gasa…

Naquel tempo as portas das casas da vila non se pechaban xamais, e chegouse ata o extremo de que cando chegou a necesidade de facelo non foi posible, xa que ninguén sabía onde andaba a chave. A confianza da xente era extrema.

-Ovidio, anda alguén na cociña, dixo ela que aínda non se durmira. Ovidio ergueuse da cama coma un tiro, sorprendido pola posibilidade de que algún intruso se metera na casa ao amparo da noite e atopouse na cociña con Andrés e Piruca, escachados coa risa.

De inmediato entrou Araceli na cociña e nun intre soubo que algo pasaba. Era inverno e do teito da cociña colgaban os chourizos, feitos de novo, postos a secar antes de metelos no pingo para conservalos.

Andrés e Piruca explicaron que acababan de saír do cine, o que explicaba a visita nocturna. Entón tiña que ser sábado, día no que a sesión de cine comezaba ás dez da noite, mentres os domingos a esa hora xa rematara a proxección.

Os dous matrimonios parrafearon un tempo na cociña, prepararon café ou quen sabe se tomaron un viño acompañado de algo de comer. Andrés non deixaba de salientar o bo aspecto que tiñan aqueles chourizos e lacóns colgados do teito e a fartura que supoñía ter unha provisión así na casa.

Cando marchou a visita, o primeiro que fixo Araceli foi recontar os chourizos que tiña guindados e puido comprobar como faltaba tres, que foran arrincados con presa, deixando a proba do feito nun anaco de tripa esgazado.

Ao día seguinte Andrés e o resto da pandilla foron na busca de Ovidio para convidalo a uns chourizos riquísimos que traían da casa, sempre que el pagara o viño. Comendo os chourizos na taberna do Fardo, Ovidio non deixaba de repetir “Hai ó, parecese ben o adobo destes chourizos ao que fai Araceli”, mentres pensaba nos lacóns que uns días antes guindara ao pe dos chourizos. Previsor, ataraos á viga cuns arames.

Estoy preparadando menudencia y puedo servirles unha tapa si les gusta”, dixo a mesoneira que me atendía, xunto cuns amigos, nun soportal da praza maior de Alcaraz, na provincia de Albacete.¿Menudencia? Preguntei.

Ya me parecía a mi que ustedes no son de por aquí. Pero seguro que les va a gustar, así que ya viene un buen plato, retrucou a boa muller, que remataba de servirnos unhas cervexas fresquiñas mentres admirabamos aquela praza de pedras vermellas.

Estabamos na vila camiño de Riopar co obxectivo de visitar o nacemento do río Mundo e descubrir que ata na Mancha se poden atopar verdadeiros oasis, como é esa fantástica serra de Alcaraz.

En poucos minutos tivemos na mesa o prato de menudencia: moegas e riles de cordeiro fritos con dentes de allos, estes cortados ao medio e sen pelar.

A mesoneira indicounos que debiamos coller medio dente de allo cun anaco de ril ou de moega, ou un de cada, e levalo todo xunto á boca.

Pasaron máis de doce anos, pero sigo con gañas de volver a Alcaraz por probar de novo a menudencia e, de paso, as delicias da cociña manchega, que pouco ten que envexar a outras máis coñecidas.

A manchega ten, ademais, o valor engadido do nome dos seus pratos tradicionais: atascaburras, duelos y quebrantos, hartatunos, tiznao, nuégados, andrajos…

El era un verdadeiro filósofo. Claro que se trataba dun filósofo de aldea, sen estudos e seguramente sen coller na man máis libro que o librito de Bambú, o papel para liar os pitillos. Inda que ben pensado, tamén é posible que nin sequera ese librito pasara polas súas mans, que non lembro telo visto xamais co charuto na boca, polo que ata é posible que non fumara.En calquera caso, el era un verdadeiro filósofo. Un deses filósofos de aldea capaces de atopar unha resposta lóxica e coherente ás meirandes dúbidas do ser humano. Era tamén capaz de poñer derriba da mesa grandes problemas, que deixaban pensativos aos seus compañeiros de andadas. “E logo, ¿barruza ou chove?” preguntoume nunha ocasión, sen poder eu darlle resposta certa, que me atopaba no interior dun local dende o que non podía apreciar a situación climatolóxica no exterior.

Unha das súas dúbidas fundamentais, que ninguén foi capaz de responder, polo menos que eu saiba, era a seguinte: “¿Quen foi antes, o millo ou o corvo”. Tampouco deu el nunca sinais de coñecer a resposta a tal problema, e de coñecela levou con el o segredo á cova.

Ademais de filósofo cargado de razón, era un experto catador. Descoñezo se algunha vez matou unha perdiz, unha lebre ou un coello, pero tampouco ten eso ningunha importancia, xa que aquí estamos a falar de cata e non de caza.

El cataba canto viño se lle poñía a tiro, e con tanta cata acababa sempre bébedo, inda que sempre sospeitei que ese era o seu estado natural. E claro, nos últimos tempos da ditadura, os borrachuzas sempre acababan metidos en problemas coa Garda Civil, á que el non demostraba moito respecto.

Vivía e bebía de tratar en cochos, que compraba e vendía polas feiras. Así que cando estaba bébedo e algún chistoso quería facer festa á súa conta, sempre lle dicían “Xusto, aí ven a parella”. Imperturbable, respondía “se é boa, cómproa”. Ata que chegou o momento en que deixou de tratar en cochos para dedicarse máis intensamente á cata. Entón, cando lle citaban a parella respondía “agora xa non trato”.

El foi un verdadeiro filósofo. De cando en vez chámolle a miña mai Mariceli, como el facía cando quería convencela de que lle puxera outro chato de viño. Miña mai sorrí. Era o Barruzo de Budián, un pequeno gran home. Un filósofo.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura