“Excelente” é a cualificación oficial outorgada polo consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas á colleita de 2007. Segundo o seu presidente, Xosé Ramón Meiriño, a decisión “foi moi meditada, non porque se discutira a calidade da anada, senón porque se pretende buscar parámetros que nos obriguen a ser moito máis esixente na cualificación dos nosos viños”.

Segundo o departamento técnico do consello regulador, nos viños de 2007 destaca a “excelente graduación e un niveis de acidez moi ben equilibrados”, con rendementos uva/mosto inferiores aos de anos anteriores e “mostos moi aromáticos e con bo equilibrio grado-acidez”. Na cualificación tamén se tiveron en conta outras evidencias, tales coma os premios concedidos neste ano aos viños da denominación de orixe.

Mañá en “Arroz con chícharos” (Cadena SER Galicia) falaremos destes temas con Xosé Ramón Meiriño, presidente do consello regulador, que o pasado mércores en Madrid, no transcurso da presentación da anada aos xornalistas gastronómicos madrileños destacaba o incremento das exportacións de Rías Baixas rexistradas no último ano: un 60 por cento máis que o ano anterior.

Entre xoias

No recente viaxe polo Ampurdán visitei as instalacións de Vins i Licors Grau, en Palafruguell, o segundo distribuidor de viños e licores de España por volume de negocio. Doce millóns de botellas saen cada ano dos seus almacéns camiño de restaurantes, tendas e supermercados. E tamén dos domicilios particulares, xa que a firma dispón dunha tenda aberta ao público na que ofrecen máis de 8.000 referencias de viños e licores.

Un dos espazos máis destacados é o destinado ao que os propietarios denominan “grandes viños” con, naturalmente, grandes prezos. O espazo dos grandes viños está climatizado, con 17 grados de temperatura estable e humidade controlada. As mesmas condicións ten o almacén de 1.200 metros cadrados onde se gardan as botellas destinadas a repoñer as que se venden na tenda. Máis de 6.000 euros marcaba a botella máis cara, da que nin me molestei en anotar a marca xa que non teño previsto comprar ningunha caixa del nos próximos días.

Como non podía ser doutra maneira, entre os grandes viños de Vins i Licors Grau había tamén unha representación de caldos galegos. Pequena pero escollida: Organistrum (Rías Baixas), As Sortes (Valdeorras) e Emilio Rojo (Ribeiro). No almacén de grandes viños tamén vin catro caixas de Nora (Rías Baixas), referencia na que non repara na tenda. O Organistrum, xa se ve na foto, cotizábase a máis de 14 euros, mentres que As Sortes supera os 21 e o Emilio Rojo os 24. No almacén non había prezos, así que non sei a como ía o Nora.

Sorprendeume atopar nesa parte da tenda un viño doce de marca “De puta madre”, así que non me puiden resistir a facer a pregunta chistosa do día: “¿Haberá logo un ‘El vino que vende Asunción’?”. “Non, ese non hai” foi a resposta do meu acompañante, un dos catro propietarios do negocio.


Jersey é unha pequena illa británica emprazada no Canal da Mancha, con menos habitantes que Santiago de Compostela e unha economía baseada nos servizos, xa que se trata dunha zona moi turísitica.

Nesta serie de sellos amosan catro das delicatessen locais:

  • Sopa de congro con pétalos de flores
  • Mazás asadas especiadas
  • Ostras
  • Bean Crock: fabas postas a remollar o día anterior que se cocen nuha cazola de barro con cebolas, vexetais e porco. Foi o almorzo típico da zona, pero agora sérvese máis na cea.

Hoxe tócalle o turno aos sellos gastronómicos de Albania, una país europeo bastante descoñecido para nos. A mellor, pero escasa, referencia sobre a súa cociña, atopeina na web da asociación Albania 2001, en francés. Na wikipedia podemos atopar información en galego sobre o país, pero non sobre a súa cociña e gastronomía.

Seguindo coa recentemente encetada sección de filatelia, presento hoxe esta edición portuguesa, correspondente ás Illas Azores, de dous selos nos que o motivo é o polvo guisado, cuxa receita se explica en portugués e inglés.

De seguido reproduzo a receita, no seu portugués orixinal:

“Tomase un polvo, despois de bem “verdascado” (batido com um pau redondo sobre uma superficie lisa), lavado e escorrido, cortase en pedaços e vai ao lume num tacho com um pouco de azeite, cozendo apenas na água que destila, em lume brando, mexendo para nao pegar.

Fazese um reforgado com azeite, cebola, alho, louro, massa de malagueta e salsa. Quando este fica pronto junta-se-lhe o polvo e o caldo em que cozeu. Estando o polvo macio, rega-se a pouco e pouco con vinho de cheiro. O último tempero é o sal. Querendo, incorporam-se no tacho, antes do final, batatas aos cubos pequenos.”

Dun tempo a esta parte, entre os non iniciados a filatelia está de capa caída por mor do caso do Forum Filatélico.

Pero os coñecedores deste mundo, afeccionados ao coleccionismo filatélico, seguen adiante coa súa paixón, que en principio non é a miña. Mais miren por onde, dende hai algúns días son propietario dunha estupenda colección de selos dedicados á gastronomía. Cada ano os países europeos fan unha edición especial de sellos dedicados a un tema concreto. En 2005 tocoulle o turno á gastronomía, así que este verán fun obsequiado por meu irmau, filatélico con posto de venda na Plaza Mayor de Madrid, con esa colección completa que, pouco a pouco, irei amosando nesta nova sección de Colineta.

Por azar inaugura a serie este selo de Xeorxia, un dos países da antiga Unión Soviética, que nos amosa o seu pan tradicional e a maneira de preparalo. Algo de información, en inglés, sobre a cociña xeorxiana pode atoparse aquí.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura