Queso y panFai pouco máis de dous anos publicaba unha reportaxe sobre o queixo de San Simón na revista Origen. Hoxe xa sería diferente.

Hai poucas semanas Xesús Rei, propietario da queixería Catadoiro recibía, no marco de Alimentaria e das mans da ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño o premio que acreditaba ao seu coma o mellor queixo de España. Así, sen apelidos, mellor queixo de España.

O queixo de Catadoiro é moi, pero que moi bo. Pero podedes atopalo en Mercadona, por exemplo, por nove euros a peza (imaxino que arredor dun quilo). No Mercadona de Bertamiráns (Ames, preto de Santiago), e imaxino que nalgún máis, teñen a pouca vergonza de marcalo no lineal como “tetilla ahumado”.

A próxima novidade da denominación de orixe chegará ao mercado posiblemente a finais deste mes de maio. O queixo está na cámara de maduración e, polo que indica o propietario, so falta unha licenza municipal para poñelo no mercado. Será baixo a marca “Casa Anxel“.

O novedoso de “Casa Anxel” é que se trata do primeiro queixo amparado pola denominación de orixe San Simón da Costa e tamén polo consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

E ademais é o primeiro queixo da D.O. San Simón producido fóra do concello de Vilalba, xa que a queixería está no da Pastoriza, cousa que non ten nada de estraño porque, inda que estamos acostumados a identificar este queixo con Vilalba, tradicionalmente tamén se producía noutros concellos da zona.

Unha copla popular (e se ten autor coñecido non sei quen foi) di:

Se as penas de Oirán foran pan
as da Frouseira manteiga
os cotos do Cadramón queixo de San Simón
e o río Ouro viño mouro
¡Quen puidera co Valadouro!

Entrevista a Francisco López, propietario de Casa Anxel, en A vivir que son dos días Galicia (Cadena SER).