Como algúns lectores xa terán comprobado polos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego, o 18 de decembro participei nunha mesa redonda, celebrada na Casa de Trillo, arredor do movemento Slow Food e da súa presenza en Galicia. Sobre a composición da mesa dan boa fe os xornais.

Os organizadores estaban avisados de que eu non ía de palmeiro, senón que pensaba manifestar en público algunhas das moitas dúbidas que me plantexa o movemento, a súa organización, a financiación das súas actividades e de tanto viaxe todo gratis ás feiras que organiza, sobre os motivos de empregar o latín para denominar ás distintas actividades con nomes tan sonoros como convivium, presidium e outros que a min, non o poido evitar, non deixan de lembrarme aos flechas da OJE ou aos boy scouts. Así que preguntei sobre todo eso, roendo os labios cada vez que a palabra OJE viña á miña boca porque, a verdade, a xuntanza transcorreu nun ambiente tan amistoso que eu, convidado, non me atrevín a rachar.

Quedaron no tinteiro outras cuestións. Coma o culto á personalidade do fundador, Carlo Petrini, que se deriva de todo canto se le nos sitios oficiais de slow food. E quedou no tinteiro porque, contra o que eu agardaba, en toda a tarde so se citou unha vez o seu nome, e quen o fixo foi o alcalde de Lekeitio. Os galegos nin mención, con que me quedou unha dúbida máis: ¿serán uns heterodoxos os slow foodies galegos?.

E o certo é que non atopei respostas ás miñas preguntas, pero xurdiron outras no transcurso da tarde. Como, por exemplo, se é certa a contradición que me parece observar entre os criterios polos que slow food elixe os produtos que vai amparar (en Galicia o porco celta, o millo corvo e a centola de Lira) e os obxectivos dos produtores. Entendín que o movemento desexa amparar pequenas producións locais, sostibles e, polo tanto, dirixidas aos mercados máis próximos, pero tamén me parece entender que os produtores buscan, a través de slow food, nome e relevancia no mercado, especialmente no mercado onde mellor se pague.

Dalgunha intervención saquei a conclusión de que slow food “non é unha organización, senón un movemento social” (o entrecomillado responde, máis ou menos, ao que se dixo), pero despois houbo quen falou dos “afiliados”.

Como en toda xuntanza onde se contrastan opinións, un sempre se sorprende con algo. E en Muxía o que me sorprendeu foi a defensa contundente e tallante do nome slow food, así, en inglés, que foi cualificado como “perfecto” minutos despois de que eu puxera en solfa o emprego do inglés e o latín no canto do idioma de cadaquén. E sorprendeume esa defensa porque procedía de Encarna Otero, militante do BNG, que durante unha ducia de anos foi concelleira en Santiago de Compostela, e na anterior lexislatura Directora Xeral da Xunta. Para suavizalo despois falou da versión galega do seu compañeiro de asento (lamento descoñecer quen era e o seu nome) que leva slow food ao galego como “comer de vagar”. Como en Muxía aprendín que en slow food non todo é comer, senón que tamén hai “cittá slow” como Lekeito (”cidade sosegada” segundo o seu alcalde) eu voulles regalar unha forma moi galega e que me parece lle vai mellor ao que aprendín sobre os obxectivos da organización: “con xeito”.

O máis interesante que escoitei na tarde veu da boca de Milucho, da confradía de Lira, quen dixo que eles buscaban en slow food “compartir problemas e buscar solucións conxuntas”.