Sen comelo nin bebelo cae nos meus oídos unha vella canción infantil precursora do que acontece actualmente na internet culinaria. Sen dúbida o autor foi un visionario.
Armas de destrución masiva aparte, fala a canción dun mundo de enganos e mentiras, de lebres que corren polo mar, sardiñas que andan polo monte, ameixeiras cargadas de mazás que chegan ao chan convertidas en avelás e facendo son de noces, e chaman a atención do dono do peral (¿non era unha ameixeira?) que asegura non ser propietario do melonar. Como dixo o inefable Emilio Aragón ¡vaia mentira!.
Non é este o único caso no que o mundo da alimentación se mestura co do engano. Un bo engano é dar gato por lebre. E os imposibles equipáranse a pedirlle peras ao olmo.
Non esquezamos os galegos que
Polo mar abaixo
vai unha sartén
vai fritindo peixe
ha de saber ben
Os refráns sempre recollen a situación de cada momento. Agora xa se escoita “eres máis falso que un amigo de Facebook”. Veremos canto tardamos en oír “mentes máis que un blog gastronómico”.
Non cabe dúbida de que pola boca morre o peixe.
Na foto dúas das miñas patrañas: Octopus fragensis e Conger verdescens, que se suman ao primixenio Sus miriapoda





