Venres 11 de decembro, 15,30 horas. A cita convocada por Capítulo Cero é no castro de Viladonga, é dicir, no poboado do Asterix lugués. O obxectivo: unha fotografía para a exposición Ao pé do lar, unha idea de Manolo Gago na que Manolo e cía (Sole Felloza) están deixando a súa xuventude e na que colabora un amplo abano de xentes, entre as que me atopo.

Poño agora por escrito o que xa levo falado moitas veces: a exposición vai ser un dos grande hitos da próxima edición do Forum Gastronómico Santiago 10, un dos feitos que diferencien, unha vez máis, esta edición do Forum de calquera outro congreso que teñan lugar en España. Un exemplo a seguir nos anos vindeiros que, outra vez, converte ao Forum de Santiago nun precursor. Hai dous anos os blogueiros gastronómicos recibían, por primeira vez, a atención dun congreso profesional e hoxe a súa presenza xa é imprescindible.

Todos estamos convocados o venres en Viladonga. Todos temos a oportunidade de participar activamente nesa exposición. Ninguén queda fóra da mesma, so os que se exclúen por vontade propia.