O Concurso de Cata por Equipos Colección Costeira, organizado pola Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, chegou á súa final o 28 de novembro, coa última proba que enfrontaba aos equipos gañadores das distintas semifinais e a posterior comida e entrega de premios, que tivo lugar nas instalacións da cooperativa, en Ribadavia.

Finalmente o equipo de Pontevedra fíxose co premio, adiantando por so tres puntos ao de Ourense. Os madrileños acadaron a terceira praza.

Despois das probas e antes da entrega de premios a adega obsequiounos cunha comida fastuosa que diría o meu admirado Joaquín Merino: centolas, bois de francia, cigalas, nécoras, camaróns, lagostinos, todo precedido por unha estupenda empanada e seguido de cañas fritas, amendoados, rosquillas e doces xudeos de Ribadavia. Todo, naturalmente, regado con Viña Costeira, Colección Costeira e Tostado de Costeira. Dieta galega como dia a publicidade de Viña Costeira.

Antes da comida desveláronse os viños empregados na cata. E as botellas foron quedando na mesa máis próxima á entrada. Precisamente a que eu compartía co presidente da Cooperativa, o presidente do Consello Regulador da D.O., o xerente da cooperativa, o incansable Argimiro Levoso, o xornalista da Radio Galega, Alberte Rivero, e dous convidados das adegas Muga, viños que a Cooperativa distribúe en Galicia dende hai décadas. Como era unha mágo que o Chateau d’Yquem se fora botar a perder, non nos cortamos un pelo e demos boa conta do mesmo.

A comida foi como unha gran voda galega e nin nas mesas máis activas foron capaces de deixar limpas as fontes onde os camaróns, as cigalas ou as nécoras parecían reproducirse por xeración espontánea, que por moito que lles meteramos man nunca as fontes parecían ter fin. Creo que o equipo madrileño leva unha boa historia para contar ao amigos da capital, que reforzarán esa idea común a moitos mesetarios que pensan que en Galicia as nécoras andan soltas polas beirarrúas.

Os gañadores levan unha estupenda viaxe polas principais denominacións de orixe do Camiño de Santiago.

Agora deixo unha galería de fotos. Os videos noutro momento