Coa presentación de Gastronomíadegalicia.com, o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia anunciou un Plan de Gastronomía en 2010 e desatou as iras de algúns.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o semanario afín A Nosa Terra foros os primeiros en saltar á area. O BNG xa presentou no Parlamento unha pregunta sobre o feito de que dita páxina so está publicada en castelán, inda que segundo se pode ler na información ofrecida pola Consellería, está prevista a súa publicación en varias linguas, suponse que tamén en galego. Podemos entender que se trata dun proxecto aínda en desenvolvemento.
O da lingua é importante. Moito. Pero o BNG estivo catro anos no goberno da Xunta e durante ese tempo destinou millóns de euros aos medios de comunicación galegos que se publican case exclusivamente en castelán, así que lle están reprochando ao actual goberno un proceder parecido ao que eles tiveron dende 2005.
A min, lingua aparte, o que máis me preocupa deste asunto é o feito de que unha institución que se chama “Academia Galega de Gastronomía” dea o seu aval a unha páxina como Gastronomíadegalicia.com, na que podemos atopar, baixo o epígafre de “platos de la cocina gallega” cousas coma o pote, as kokotchas (sic) ou o marrón glacé, así como receitas galegas das que eu xamais escoitara falar nin nada tiña lido, como a lebre benedictina ou as manitas de cerdo. Entre as fontes empregadas para buscar as receitas galegas está terra.es.
Pero o mellor do asunto é a receita do caldo. Reproducir o que escribiu Picadillo en 1905 é a máis grande manifestación de ignorancia: ignoran que non todos os caldos, xa daquela, se facían so con unto; ignoran que entón os que podían poñían no mesmo un bo surtido de carnes; ignoran o que, falando do caldo, escribiu Emilia Pardo Bazán, asegurando que o labrego galego era vexetariano… á forza. E sobre todo ignoran que a cociña é un ser vivo, en constante evolución, e que o caldo que hoxe se fai con profusión de carnes é tan auténtico coma o que facían so con unto os labregos pobres… e moito máis rico. Proben a facer hoxe o caldo únicamente con unto e verán o fracaso.
Pero a cousa non acaba aí. Segundo a web, algunhas das meles máis coñecidas de Galicia son as de tomiño e azahar, dúas flores, engado eu, abundantísimas no interior de Galicia, onde se produce a meirande parte do mel galego. Coñecidas en todo o mundo son as laranxas galegas, superiores en todo ás da China.
Do mero din que “Tal abundancia y dimensiones ha alcanzado este pescado de agua salada en nuestros contornos…”. No que vai de ano descargáronse nos portos galegos algo máis de 350.000 quilos de mero fronte a preto de 26,5 millóns de quilos de pescada. Datos de estatísticas oficiais.
Entre as carnes esquecen o lacón e din que en Galicia se sabe sacar moi ben o “ragut” do porco. Non se enteraron da cantidade de corzos que agora se cazan no país e non saben que ademais da IXP Ternera Gallega o país produce unha das mellores carnes de vaca do mundo, nin saben nada de razas cárnicas tan especiais como a cachena ou a caldelá.
Podería seguir atopando máis cousas polo estilo, pero iso obrigaríame a continuar mirando a páxina e xa non me quedan gañas.
Unicamente saiban os lectores galegos que vostedes andan dicindo por aí que traballan “para ganar las alubias” e non “para gañar os garavanzos”. Aquilo tan popular de “gañar o pan” vese que pasou de moda.
Todo o dito non sería máis que outro caso de páxina mal documentada destinada a gañar diñeiro, como hai tantas na rede. Pero neste caso Gastronomíadegalicia.com está referendada pola Academia Española de Gastronomía e a Academia Galega de Gastronomía que deberían dar explicacións sobre a sarta de chorradas que se poden ler alí.





