A N-550, no tramo entre Oroso e Ordes, está inzado de postos á beira da estrada nos que se venden os grelos da zona aos atomovilistas. É a realidade que recolle este video de A Nosa Terra. Aparte da historia en si a min chamoume a atención a señora de Ordes que á flor do grelo lle chama a rosa (minuto 2:12)
Xa temos IXP para os Grelos de Galicia. Inda que moitos aínda non saben o que son, cousa bastante frecuente entre os que se criaron nas cidades galegas que chegan ao extremo de non comer máis que as follas, por descoñecemento, claro está.
Vexan o que en 1962 publicaba Xaquín Lourenzo, Xocas, sobre a tortilla de grelos:
“Sabido é en que consisten a tortilla: ovos batidos e fritidos logo na tixola, ben sós, ben na compaña doutra cousa. O que se engade ós ovos é o que caracteriza á tortilla e pode ser moi variado, aínda que preparado sempre do mesmo xeito pouco máis ou menos.
Entre as moitas coñecidas, queremos falar aquí dalgunhas que teñen especial lugar entre os pratos da nosa Terra.
Tal sucede coa tortilla de grelos. Cóllense grelos ben tenros e quitáselle-lo verde deixando soamente o cerne, ponse auga ao lume e, cando rompe a ferver, bótanse nela os grelos cun pouco de sal. Cando coceron, pártense en anaquiños e frítense en manteiga de porco; logo, engádenselle-los ovos batidos e faise coma as demais tortillas”.
Na foto: grelos frescos, deshidratados e en conserva





