Se a finais de xullo quedaba oficialmente recoñecida a posibilidade de produción de viños escumosos no seo da denominación de orixe Rías Baixas, agora é Valdeorras a que suma os escumosos e os tostados aos tipos de viños acollidos pola súa denominación de orixe.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se aproba o regulamento da D.O. Valdeorras e o seu consello regulador.

O novo regulamento establece que os tipos de viños da D.O. serán:

“a) Brancos.

-Valdeorras godello: elaborado co 100% de uvas procedentes de la variedade godello.

-Valdeorras castes nobres: elaborados cun mínimo do 85% de uvas de variedades preferentes brancas.

-Valdeorras branco: elaborado con uvas procedentes de variedades brancas preferentes e autorizadas.

b) Tintos.

-Valdeorras mencía: elaborado co 85% de uvas procedentes da variedade mencía.

-Valdeorras castes nobres: elaborados cun mínimo do 85% de uvas de variedades preferentes tintas.

-Valdeorras tinto: elaborado con uvas procedentes de variedades tintas preferentes e autorizadas.

c) Valdeorras escumoso: viño escumoso obtido segundo o método tradicional, elaborado cun mínimo do 85% de uvas da variedade godello.

d) Valdeorras tostado: viño naturalmente doce, que se elabora a partir de variedades tintas ou, se é de uva branca, esta será da variedade godello.”

En Valdeorras xa se produce un escumoso a partir de uva godello. O Danza foi unha aposta de futuro de Pepe Rodríguez, quen explica que “O mercado do godello depende en gran medida da colleita de albariño nas Rías Baixas“. Así que se hai moito albariño e o prezo baixa a xente deixa de mercar godello para mercar un albariño máis barato. O día que iso suceda Pepe Rodríguez incrementará a produción de Danza, para o que xa ten unha clientela fixa, e non se verá obrigado a vender o godello a prezos non rendibles.

Polo que respecta ao tostado, hai xa preto dun ano que Colineta daba cumprida información dos traballos que estaban a realizar os técnicos do consello regulador de Valdeorras arredor deste viño

O Concurso de Cata por Equipos Colección Costeira, organizado pola Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, chegou á súa final o 28 de novembro, coa última proba que enfrontaba aos equipos gañadores das distintas semifinais e a posterior comida e entrega de premios, que tivo lugar nas instalacións da cooperativa, en Ribadavia.

Finalmente o equipo de Pontevedra fíxose co premio, adiantando por so tres puntos ao de Ourense. Os madrileños acadaron a terceira praza.

Despois das probas e antes da entrega de premios a adega obsequiounos cunha comida fastuosa que diría o meu admirado Joaquín Merino: centolas, bois de francia, cigalas, nécoras, camaróns, lagostinos, todo precedido por unha estupenda empanada e seguido de cañas fritas, amendoados, rosquillas e doces xudeos de Ribadavia. Todo, naturalmente, regado con Viña Costeira, Colección Costeira e Tostado de Costeira. Dieta galega como dia a publicidade de Viña Costeira.

Antes da comida desveláronse os viños empregados na cata. E as botellas foron quedando na mesa máis próxima á entrada. Precisamente a que eu compartía co presidente da Cooperativa, o presidente do Consello Regulador da D.O., o xerente da cooperativa, o incansable Argimiro Levoso, o xornalista da Radio Galega, Alberte Rivero, e dous convidados das adegas Muga, viños que a Cooperativa distribúe en Galicia dende hai décadas. Como era unha mágo que o Chateau d’Yquem se fora botar a perder, non nos cortamos un pelo e demos boa conta do mesmo.

A comida foi como unha gran voda galega e nin nas mesas máis activas foron capaces de deixar limpas as fontes onde os camaróns, as cigalas ou as nécoras parecían reproducirse por xeración espontánea, que por moito que lles meteramos man nunca as fontes parecían ter fin. Creo que o equipo madrileño leva unha boa historia para contar ao amigos da capital, que reforzarán esa idea común a moitos mesetarios que pensan que en Galicia as nécoras andan soltas polas beirarrúas.

Os gañadores levan unha estupenda viaxe polas principais denominacións de orixe do Camiño de Santiago.

Agora deixo unha galería de fotos. Os videos noutro momento

O viño que seguiu á presentación do Forum Gastronómico Santiago 2010 tróuxonos a noticia das dúas novas estrelas Michelín para Galicia: A Estación (Cambre), con Beatriz  Sotelo e Juan Crujeiras á fronte, e A Garza (Malpica), un restaurante de produto.

A provincia da Coruña recobra o primeiro posto en canto a estrelas Michelín en Galicia e anula en parte a ventaxa que a provincia de Pontevedra ía collendo no movemento gastronómico galego pola visibilidade dos seus cociñeiros.

Hai un ano, coa concesión dunha estrela Michelín ao restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe e a perda das de Playa Club e Toñi Vicente, convertíase na provincia máis estrelada, xa que á nova estrela de Xosé Cannas se unía as xa clásicas de Casa Solla e a Taberna de Rotilio e a máis recente de Yayo Daporta.

Agora Pontevedra está a piques de converterse na provincia con máis cociñeiros membros do Grupo Nove, que dun tempo a esta parte representa a cociña galega de vangarda en todo o mundo e que se converteu no grupo máis visible e mediático de cantos hai en Galicia. Sete das dez estrelas Michelín con que conta Galicia recaen neste grupo.

O luns saberemos oficialmente da ampliación do Grupo e os tres novos cociñeiros que entran no mesmo, os tres pontevedreses. Culler de Pau ( O Grove), Eirado da Leña (Pontevedra) e Silabarium (Tui)

Actualización: Pierde su estrella A Taberna de Rotilio (Sanxenxo). Lamentablemente la alegría no es completa.

Más información: Capítulo 0, Abc, La Vanguardia

26-11-2009: La Opinion, La Voz de Galicia (edición Carballo),

Coa presentación de Gastronomíadegalicia.com, o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia anunciou un Plan de Gastronomía en 2010 e desatou as iras de algúns.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o semanario afín A Nosa Terra foros os primeiros en saltar á area. O BNG xa presentou no Parlamento unha pregunta sobre o feito de que dita páxina so está publicada en castelán, inda que segundo se pode ler na información ofrecida pola Consellería, está prevista a súa publicación en varias linguas, suponse que tamén en galego. Podemos entender que se trata dun proxecto aínda en desenvolvemento.

O da lingua é importante. Moito. Pero o BNG estivo catro anos no goberno da Xunta e durante ese tempo destinou millóns de euros aos medios de comunicación galegos que se publican case exclusivamente en castelán, así que lle están reprochando ao actual goberno un proceder parecido ao que eles tiveron dende 2005.

A min, lingua aparte, o que máis me preocupa deste asunto é o feito de que unha institución que se chama “Academia Galega de Gastronomía” dea o seu aval a unha páxina como Gastronomíadegalicia.com, na que podemos atopar, baixo o epígafre de “platos de la cocina gallega” cousas coma o pote, as kokotchas (sic) ou o marrón glacé, así como receitas galegas das que eu xamais escoitara falar nin nada tiña lido, como a lebre benedictina ou as manitas de cerdo. Entre as fontes empregadas para buscar as receitas galegas está terra.es.

Pero o mellor do asunto é a receita do caldo. Reproducir o que escribiu Picadillo en 1905 é a máis grande manifestación de ignorancia: ignoran que non todos os caldos, xa daquela, se facían so con unto; ignoran que entón os que podían poñían no mesmo un bo surtido de carnes; ignoran o que, falando do caldo, escribiu Emilia Pardo Bazán, asegurando que o labrego galego era vexetariano… á forza. E sobre todo ignoran que a cociña é un ser vivo, en constante evolución, e que o caldo que hoxe se fai con profusión de carnes é tan auténtico coma o que facían so con unto os labregos pobres… e moito máis rico. Proben a facer hoxe o caldo únicamente con unto e verán o fracaso.

Pero a cousa non acaba aí. Segundo a web, algunhas das meles máis coñecidas de Galicia son as de tomiño e azahar, dúas flores, engado eu, abundantísimas no interior de Galicia, onde se produce a meirande parte do mel galego. Coñecidas en todo o mundo son as laranxas galegas, superiores en todo ás da China.

Do mero din que “Tal abundancia y dimensiones ha alcanzado este pescado de agua salada en nuestros contornos…”. No que vai de ano descargáronse nos portos galegos  algo máis de 350.000 quilos de mero fronte a preto de 26,5 millóns de quilos de pescada. Datos de estatísticas oficiais.

Entre as carnes esquecen o lacón e din que en Galicia se sabe sacar moi ben o “ragut” do porco. Non se enteraron da cantidade de corzos que agora se cazan no país e non saben que ademais da IXP Ternera Gallega o país produce unha das mellores carnes de vaca do mundo, nin saben nada de razas cárnicas tan especiais como a cachena ou a caldelá.

Podería seguir atopando máis cousas polo estilo, pero iso obrigaríame a continuar mirando a páxina e xa non me quedan gañas.

Unicamente saiban os lectores galegos que vostedes andan dicindo por aí que traballan “para ganar las alubias” e non “para gañar os garavanzos”. Aquilo tan popular de “gañar o pan” vese que pasou de moda.

Todo o dito non sería máis que outro caso de páxina mal documentada destinada a gañar diñeiro, como hai tantas na rede. Pero neste caso Gastronomíadegalicia.com está referendada pola Academia Española de Gastronomía e a Academia Galega de Gastronomía que deberían dar explicacións sobre a sarta de chorradas que se poden ler alí.

¡Que carallo, é un tipo raro e punto!.

Cando a maioría dos mozos tentan escapar do campo, tiña claro que quería vivir nel e del. E si aceptou estudar enxeñería técnica industrial na universidade de Vigo foi por contentar ao seu pai, un pequeno gandeiro tradicional, con 25 vacas de leite, que esperaba ver ao seu fillo prosperar.

Non sei como se tomaría o pai a decisión de volver á casa, ao campo, despois de rematar a carreira. Pero con 26 anos e o título no peto volveu a esa explotación de 25 vacas. Iso si, volveu cambiado.

E cando lle ofreceron comprar a pequena queixería do pobo (procesaba 500 litros de leite cada dous días) que pechaba por xubilación do propietario deu todas as voltas que foron necesarias ata conseguir que seu pai lle axudase na aventura.

Aquela aventura comezou con 100.000 euros. Hoxe, 11 anos e moita suor despois, é propietario da maior fábrica de queixos ao amparo das denominacións de orixe Tetilla e Arzúa-Ulloa, fábrica na que leva investidos uns 10 millóns de euros.

Chámase Eladio Rigueira e é o responsable de que todos (uns 1.200 aproximadamente) os supermercados que o grupo Mercadona ten en España teñan nos seus andeis queixos das dúas D.O. citadas, así coma os queixos fundidos loncheados, que elabora cun 70 por cento de Tetilla e Arzúa-Ulloa (a partes iguais), nata e sales fundentes.

Casa Macán é hoxe a principal produtora de queixos de ambas denominacións. Si o seu nome non soa máis é porque mantén un contrato de exclusividade con Mercadona, así que non busque os seus queixos noutro sitio. Salvo que atope un dos seus contados queixos de Arzúa-Ulloa curados, que vende en Hipercor e El Corte Inglés.

Onte recibiu o premio Alimentos de España ao Novo Empresariado

Fai anos, moitos anos, a selección española de fútbol apeou dun mundial, dun europeo ou de algo así, á danesa. Desculpen que non sexa máis preciso, pero de fútbol entendo tan pouco que non sei nin dar as cartas.

O caso é que daquela unha expedición de xornalistas españois chegamos a Copenhague e, na primeira visita, un danés explicou que alí España era moi coñecida pola fazaña das pelotas. E de seguido pregunto porque se coñecía a Dinarmarca en España.

- Polo cheiro, contestou rápido un vello amigo que daquela xa era iso, vello.

Pillounos tan de sorpresa que algúns aínda hoxe non entenderon o chiste. Ou non escoitaron falar de Hamlet.

O caso é que por aquí tamén algo ule mal. Acaba de rematar a primeira edición alicantina almeriense de Lo Mejor de la Gastronomía, do que non agarden que lles fale por que non estiven alí, e leo na súa web que “ponemos fin al modelo macro tecnoespectáculo aplicado en los últimos años y planteamos un nuevo esquema en escalas piramidal, con tres escenarios“.

É dicir, o que o Forum Gastronómico ven facendo dende hai dez anos, con cinco edicións en Xirona e unha en Santiago de Compostela.

San Sebastián Gastronomika vai polo mesmo camiño coas súas Tertulias exclusivas para audiencias reducidas e haberá que agardar agora a ver que propón Madrid Fusión, que parece que de momento non vai cambiar o seu formato. O certo é que de momento os cambios de innovadores non teñen nada.

E ver con que nos sorprende o Forum de Santiago en 2010. Na edición 2008 os bloggers tiveron por primeira vez a atención que merecen dun evento destas características e parece que en menos de dous anos xa son imprescindibles para calquera congreso. ¿Cal será a novidade en 2010?

Pulpería

Hoxe é San Martiño. A cita ao longo de todo o día está na feira cabalar de Calo, no concello de Teo, moi pretiño de Santiago de Compostela.

Un cabalo, un queixo, unhas castañas… calquera cousa se pode mercar hoxe alí. E rematar a festa comendo un deses pratos populares que son a envexa de calquera cociñeiro vangardista: polbo á feira. Despois da Santa Minia (Brión), San Froilán (Lugo), as San Lucas (Mondoñedo) e as feiras de Santos de Monterroso e Gontán (Abadín) é a última gran cita do calendario polbeiro do outono.

Foto: San Matiño en Teo, 2008

9 de novembro de 1959: Morre Ramón Cabanillas

DIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRO

De Ramón Cabanillas
(Da terra asoballada, 1917)
¡O espadeiro! ¡Acios mouros, cepas tortas,
follas verdes, douradas e vermellas,
gala nas terras vivas de Castrelo
nos Castelos de Oubiña e nas areas
de Tragove e Sisán, do mar de Arousa
e o Umia cristalino nas ribeiras!
¡O espadeiro amante! ¡O viño doce!
¡Alegría de mallas e espadelas,
compañeiro das bolas de pan quente
e as castañas asadas na lareira!
¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron
en namorantes páxinas sinxelas
os antigos abades do mosteiro
de Xan Daval, na vila cambadesa,
aqueles priores leigos e fidalgos,
mestres na vida, na virtú e na ciencia,
que sabian -¡ouh tempos esquencidos!-
cantala misa, escorrentalas meigas,
acoller e amparar orfos e pobres,
rir coas rapazas, consellalas vellas,
darlle leito e xantar ós peregrinos,
pechar por foro as portas da súa igrexa
á xusticia do Rei, cobralos dezmos
e dispoñer vendimas e trasegas!
¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño,
sangue do corazón da nosa terra,
que arrecende a mazás e a rosas bravas,
quence os peitos e as almas alumea,
e sabe a bicos de mociña nova,
aldeana e triqueira!
¡Como canta ó caír nas brancas cuncas
desde as pintadas e bicudas xerras!
¡Como latexa e brilla ó coroalas!
¡E como loce e ri cando as adreza,
asemellando fíos de rubises,
cun rosario de escumas sanguiñentas!
Cando nas mornas tardes de romaxe
vai na alombada pipa taberneira
ó souto que se estende ó pé da ermida
onde as campanas repinican ledas;
Onde axordan os fogos de tres tronos
e ó son da gaita a moceda tolea,
é a alma do galán verba maina;
de labradora e viril maxeza,
que o mesmo se derrete coas rapazas
que arma sin máis nin máis unha quimeira;
solta un “¡Ei, carballeira!” erquendo a moca
e facéndose atrás, e… ¡adiola festas!
Cando o xeado inverno alonga as noites
e en santa paz, ó pé do lar, se axeitan
mozos o vellos, desbullando o millo,
dándolle ó fuso ou restelando teas,
o espadeiro é o espirito do petrucio
de garimosa fala churrusqueira,
de mans de prata e lombo acorcobado,
queixo tembrón e neve nas guedellas,
que chiscando os olliños contra os mozos,
pondo ás rapazas cores nas meixelas,
sabe contar os divertidos feitos
e as antigas historias que comenzan:
”Unha vez, unha nena e mais un frade…”
”Tiña, naquel entón, un paxe a reina…”
¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño
das noites mozas! Claridá de estrelas.
O aturuxo zoando nas quebradas…
Mozos… Pandeiros… Un amor que empeza…
Aromas das carqueixas e do trevo…
De man en man, a bota carreteira…
Unha cantiga ó pé dunha ventana…
¡Detrás dos vidros, Ela!
¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente
sangue do corazón da nosa terra!
¡Acende os corazóns dos apoucados!
¡prende lume nas almas, viño celta! !

Á veces hai cousas que consumimos habitualmente ao longo de toda a vida e non lle prestamos unha atención especial, seguramente por esa rutina. E un día descubrimos que detrás deles hai un mundo apaixonante.

Tal me aconteceu onte a min co mel na presentación-degustación do mel galego que xa comercializa o Esmelga club. Tería que dicir en realidade meles, xa que foron dez os que puidemos probar nunha experiencia certamente interesante.

Así que descubrín as enormes diferenzas en aromas e sabores que se poden atopar entre un mel de silva e outro de brezo, por poñer casos extremos. A variedade de cores e tonalidades, que van dende o case branco do mel de trevo branco (que onte non puidemos probar) ata os castaños moi escuros, case negros dos meles de brezo e castaños, tradúcese nunha enorme variedade de aromas, sabores e gradacións no doce.

Sorprende incluso descubrir que certos meles, coma os de castiñeiro ou brezo, deixan na boca sabores amargos que parecen incompatibles coa súa dozura, pero é así. O mesmo que outros teñen un toque salgado debido á abundancia de sales minerais na súa composición. En fin, un mundo que haberá que explorar con máis calma.

Onte probei dez meles e todos me gustaron. Pero chamaron especialmente a miña atención os de brezo e castiñeiro, potentes de aroma e sabor, complexos e menos doces que outros. E foron todo un descubrimento os mielatos de carballo de A Limia e os Ancares, un mel elaborado con ese líquido doce que as abellas chuchan dos pulgóns presentes en certas plantas. A min pareceume que comía castañas cocidas na compaña do mel.

Os meles presentados, que se poden adquirir a través de Esmelga club, son os seguintes:

Mel milflores. Envasado por Xosé María Porbén Rodríguez en Riberas do Sor (Mañón, A Coruña). Aroma floral intenso e persistente. Gusto doce con lixeiras notas acedas.

Mel milfores. Envasado por Xosé Lois García García en Figueiras (Mondoñedo. Lugo). Aroma intenso e persistente. Gusto doce con lixeiras notas acedas.

Mielato de carballo dos Ancares. Envasado por Manuel Díaz Fernández en Cerrado (Navia de Suarna, Lugo). Aroma moi intenso e persistente. Sabor que lembra o froito da árbore da que procede.

Mel de castiñeiro. Envasado por Xosé Manuel Durán Orús en Saceda (Cualedro, Ourense). Aroma malteado. Gosto dolce e lixeiramente salgado.

Mielato de carballo. Envasado por María Teresa Castro Ferreiro en Ordes (Rairiz de Veiga, Ourense). Aroma malteado. Gosto doce, lixeiramente salgado e que lembra ás castañas cocidas.

Mel de brezo. Envasado por Benito Antúnez Veloso en Río Caldo (Lobios, Ourense). Aroma intenso e persistente. Gusto doce, con notas salgadas e amargas.

Mel de silva. Envasado pola Cooperativa Condado-Paradanta en As Neves (provincia de Pontevedra). Aroma afroitado. Gusto doce con notas ácedas.

Mel de eucalipto. Envasado por Eduardo Ríos Marcos en Aríns (Santiago de Compostela).

Mel de castiñeiro e brezo. Envasado por cooperativa Cauru (Quiroga, Lugo). Aroma intenso e persistente. Gusto con lixeiras nota ácedas e amargas.

Mel milflores. Envasado por Juan Guijarro Lazcano en Toques (provincia de A Coruña). Aroma intenso e persistente. Gusto doce con lixeiras notas ácedas.

¡Que ignorantes somos!

- Se o di por vostede, empregue a primeira persoa e non meta a tododios no mesmo saco, que por aí anda quen de ignorante non ten nada, ou polo menos iso parece.

- Pois vale, Petisuis, rectifico para dicir ¿que ignorante son!.

Resulta que eu pensaba que a semana de seis días a inventaran os de Gomaespuma co obxectivo de traballar catro días seguidos e descansar dous, pero agora descubro que xa se usou en Rusia, nos primeiros anos que seguiron á Revolución de Outubro (chegaron ata a ter semana de cinco días, que iso si é semana) e tamén a formulou o pai de Martín Varsavsky, inda que neste caso con claras connotacións económicas.

A semana de seis días de Gomaespuma parecíame unha gran semana. Ata que souben da semana de cinco días rusa, que me pareceu mellor. Pero teño que recoñecer que a semana que máis me gusta de todas é a Semana del Cocido Gallego. Sábado 31 y domingo 1 de noviembre.

Unha semana de dous días, e os dous en fin de semana, é a miña opción definitiva.

Claro que sempre haberá quen non estea de acordo con esta redución. Especialmente os afeccionados ao muíño, que xa hai tempo se manifestaron partidarios da semana longa:

Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
eso si que é muiñada

Actualidad

    sígueme en Twitter

    © 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura