Ceilán queda a moi poucos quilómetros da miña casa, saíndo de Negreira cara a Baña. Pero o que noutro tempo coñecemos como Ceilán e hoxe leva o nome de Sri Lanka é outro cantar. No Océano Índico, á beira mesmo na India, atópase un país que polo que hoxe puiden comprobar ten un certo atractivo gastronómico.

O Centro Superior de Hostalería de Galicia anda por aquelas terras asiáticas colaborando na implantación dunha escola de hostalería, e por ise motivo esta semana visitan Galicia tres cociñeiros ceilaneses, que seica ese é un dos xentilicios aplicados aos naturais do país.

Os señores Tennakoon, Pathirana e Tennakoon tiveron a amabilidade de amosarme hoxe algunhas das especialidades típicas do seu país: Beef badum (tenreira fritida con pemento, vinagre, cebola, tomate e caril en po), baked curried fish (pescada ao forno con legumes e lima), pottao white curry (patacas, cúrcuma, leite de coco), egg, tomato, onion, grenn chili and sambol (como unha esnsalada da casa), Ghee rice wiht fish cutlettes (arroz cociñado con ghee e unha especie de croquetas de peixe), curried lentils (lentellas ao caril), brinjal moju (berenxenas con piña e verduras, lixeiramente picantes), tomato, onion, lettuce and beetroot salad (outra ensalada), mutton mustard curry (costelas de año con mostaza e caril) e devilled praws (gambas con xenxibre, chili e verduras).

Das sobremesas non apuntei os nomes orixinais dos pratos, pero consistían nunha especie de filloas recheas de coco cociñado con azucre e canela, un pudding feito con leite de coco e un biscoito con dátiles.

Chamáronme especialmente a atención as berenxenas con piña. Un prato no que cada ingrediente conservaba a súa propia personalidade pero que mesturados na boca evocaban a cociña do Índico, especiada ma non troppo, lixeiramente picante, agridoce. Vaia, que repetía berenxenas agora mesmo