A mediados de agosto publicaba o anuncio dunha pretendida guía de ocio online que buscaba redactores que escribiran dende a casa sobre restaurantes.

Gustaríame agora darlles novas sobre o asunto e descubrirlles de que guía ou negocio se trataba, pero aínda que mandei un curriculum, iso si algo amañado, non lles debín gustar e non me chamaron, polo que quedei coas gañas.

Pero voulles contar o último chisme que me chega sobre una iniciativa parecida. E como o escoito por ambos oídos a cousa ten visos de realidade.

Parece que se está a organizar un negocio consistente en posicionar restaurantes en internet por medio de críticas, crónicas ou comentarios en blogs gastronómicos. Os organizadores do asunto, aos que supoño ánimo de lucro, tiran moi alto (seguro que por iso non me chamaron a min) e ofrecen billetes de avión, hotel e gastos pagos a quen acepte a proposta. Trátase, como xa imaxinan, de visitar certos restaurantes e escribir sobre eles, é de supoñer que ben. Tamén hai que supoñer que os restaurantes pagan o traballo. En definitiva, nada que non fagan xa ducias de empresas, feiras, congresos e axencias de relacións públicas cos profesionais.

Estou seguro de que van recibir moitas negativas, pero tamén é seguro que sempre atoparán bloggers dispostos a calquera cousa. Como xa dixen outras veces, no mundo dos blogs gastronómicos cada vez é máis tenue a liña que separa o amateurismo da profesionalización. Ao final nin este é un mundo tan virxinal como algúns se empeñan en crer nin tódolos profesionais teñen cornos e rabo e cheiran a xofre.

E como sempre eu sigo a medio camiño entre o blogger e o profesional, doctor Jekyl de día e míster Hyde de noite. A mellor posición para levar tódalas hostias e que, finalmente, acabará custándome algún amigo e moitos coñecidos