Hoxe podería facer un chiste fácil daqueles que se levaban hai anos:

- ¿En que se parecen un coche, un libro, un gin tónic e unha familia?

- Non che sei dicir.

- Pois o coche, o libro e o gin tónic en nada

- ¿E a familia?

- A familia ben gracias.

Pero a realidade é outra ben distinta. Hai algunhas semanas chegaba coche novo á casa e, como sempre fixen, o primeiro foi poñerlle nome. En realidade xa o traía posto.

Lembro que o meu primeiro coche se chamou “Griffith”, e non por Melanie, que daquela aínda non estaba de moda (agora que parece unha pasa tampouco), senón polo director norteamericano David Wark Griffith, porque resulta que as dúas letras da matrícula do coche eran DW, e pilloume na miña época de cinéfilo, con sábados enteiros metidos na Filmoteca Nacional, onde vin O nacemento dunha nación ou Intolerancia. Pola mesma coincidencia de letras na matrícula un chamouse garrafón (levaba na matrícula as letras BV, que me lembraban beberaxe) e outro foi jotajota, non preciso explicar o porque.

O novo chámase Octavia de Cádiz. A primeira parte do nome é evidente e a segunda fai referencia á novela de Bryce Echenique (lean brais ou brice, como lles pete) O home que falaba de Octavia de Cádiz, que foi precisamente a primeira novela que lle lin ao peruano e que me converteu case en tan echeniquiano como era e son cunqueiriano. Así que para celebrar a chegada de OdC decidín volver ler algo de BE e, por non repetirme, deixei a un lado a Octavia e arranquei con Un mundo para Julius¸ unha novela na que papás e mamás da alta sociedade peruana beben continuamente gin and tonic (se queren saber máis lean a novela). Aquí abreviamos e xuntamos os substantivos sen innecesarias, para o caso, partículas de unión.

A moda do gin tónic dos últimos anos sorprendeume moi agradablemente. Non tanto o exceso de snobismo e tontería que hai arredor do combinado.

Que queren que lles diga. Eu nacín ao gin tónic cando en España aínda se publicaba o diario Arriba e os xornalistas que daquela nos movíamos por Madrid, que eramos moitos menos que hoxe en día, rematabamos as noites de traballo no bar da axencia Pyresa, que era o mesmo que o do Arriba. Alí bebíase gin tónic e comíase ensalada a altas horas da madrugada, cando os afeccionados remataban as súas timbas de póker no que, contan, se chegaron a xogar grandes cantidades.

Eran gin tónics de Larios ou MG con Schweppes. Os da Gordons xa eran considerados un pouco snobs. E a Tanqueray ou a Beefeater nin se ulían, que so estaban ao alcance dos potentados e, se cadra, do gañador da partida da noite. Eu sempre pasei por alí acompañado por un redactor xefe de Pyresa, que polas mañás traballaba na axencia e polas noites era o meu director. Supoño que por iso os veteranos consentían a presenza dun novato que nin xogaba ao póker (nin sabía nin tiña un can que arriscar), nin fumaba, nin coñecera o tempo en que as noites de farra remataban no único bar aberto da cidade: o do tanatorio. Todos eran requisitos para ser considerado xornalista naquel ambiente, e dos catro eu so cumpría un: bebía gin tónic.

Sigo sen xogar ao póker e sen fumar, e nunca tomei copas nocturnas no tanatorio, así que de cando en vez mírome no espello, poño cara de escéptico, e dígolle ao que teño enfronte: xornalista ¡xa!.

Agora hai gin tónics para tódolos gustos. Con limón, con lima, con cogombro, con pementa, con tónica de aquí e de acolá ou con infusión segreda, como o último que me preparou Pepe Rumbo, no compostelán El Pasaje, e que estaba de morte. “Vas ser o primeiro que o probe… despois de min“, dixo. E probeino e bebino ata o final.

Agora todos me gustan, pero aqueles do vello edificio xunto á Plaza de Castilla tiñan un-non-sei-que.