¿Vaste fiar do que escriba neste post sen cuestionar dende a primeira á última liña?. Mal fas, que ao peor che tomo o pelo querendo, sen querer ou sen ser consciente de que o faigo e ata do que faigo.

As bibliotecas están cheas de mentiras. Nun mundo en que o coñecemento técnico e científico avanza a unha velocidade de vertixe, o que onte era verdade pode que hoxe xa so o sexa a medias e que mañá se descubra que se trababa dun erro. E despois están as mentiras intencionadamente escritas.

Nas cousas do comer pasa o mesmo, e houbo un tempo en que o peixe azul ou o aceite de oliva eran reputados como malos, malísimos, e hoxe semellan ser unha bendición. Mañá xa veremos.

Pero volvamos coas mentiras. As bibliotecas están cheas de mentiras malia que no proceso de edición e publicación dun libro interveñen moitas mans alleas ao autor do texto con capacidade moitas veces para atopar a verdade. Así que nun medio como internet, no que cada un de nos é autor e editor, a cousa multiplícase inevitablemente. Vale, o de chamar “autor” a moitos dos que publican en internet é un eufemismo, xa que moitos non son máis que copistas, un traballo que tivo a súa razón de ser na Idade Media, razón que desapareceu co invento da imprenta. Outros non fan máis que o que nunha biblioteca se chamaría “revisión bibliográfica”, coa única diferenza de que neste caso se citan as fontes da información con todo tipo de detalle e en internet o máis habitual é que se oculten para maior gloria propia.

Así que de todo o que leo en internet eu fíome duns poucos autores cuxa traxectoria coñezo e me ofrecen total fiabilidade. Son tan poucos que se contan con dedos dunha orella e poucos máis. Do resto, poño en tela de xuízo dúas palabras de cada par escrito.

A cousa complícase cando aparecen anuncios coma o da foto (cheguei a través de Twitter gracias a @nafuente). Búscanse críticos de restaurantes que escriban dende a súa casa. Ofrécense 50 céntimos por crítica de 50 palabras e non se piden estudos nin experiencia de ningún tipo. Xa hai case 500 candidatos para cinco postos e empezo a sospeitar que eu non vou estar entre os seleccionados e polo tanto non poderei contar as cousas máis en detalle.

A cousa non é exclusiva dos medios dixitais. A irresponsabilidade semella que está a tomar posicións nos xornais en papel. Hoxe mesmo lía no xornal Galicia Hoxe un artigo sobre o peixe e o verán. Un artigo asinado con nome e apelidos no referido ao texto. Sobre a orixe de las fotos dicía: internet. Vese que o becario ou redactor, o xefe da sección e o redactor xefe de quenda non saben que tamén en internet hai fotos amparadas polos dereitos de autor.