Galicia conta dende hoxe cun novo produto con denominación de orixe: o Pemento de Herbón, máis coñecido como de Padrón, nome que está rexistrado como variedade comercial gracias á falta de dilixencia do entón Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, responsable de dito rexistro e responsable de non opoñerse a el sendo conscientes de que se trataba dun produto que antes ou despois acabaría protexido por unha D.O.

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde pola que se aproba o regulamento da denominación de orixe e se nomea o consello regulador provisional. A protección será transitoria e só aplicable en España á espera de que a Unión Europea aprobe a denominación de orixe protexida para este pemento propio da desembocadura do Ulla. De feito, só poderán ser Pemento de Herbón os cultivados nos concellos de Padrón. Dodro e Rois, na beira coruñesa do río, e nos de Valga e Pontecesures na parte pontevedresa do mesmo.

Agora agarda un longo camiño. Primeiro a inscrición nos rexistros correspondentes de produtores e comercializadores e despois o seu lanzamento ao mercado. Penso que este ano será difícil ver no mercado pementos acollidos á Denominación de Orixe, pero para o próximo ano xa nos podemos ir esquecendo dos pementos de Padrón, que daquela estarán convertidos en imitacións, e desta volta de maneira legal.

So dous avisos para descoñecedores do produto lexítimo e xentes pouco avisadas:

1.     O período de comercialización dos Pementos de Herbón irá do 1 de maio ao 31 de outubro. Paréceme que sobra un mes, xa que a primeiros de maio é case imposible atopar pementos na zona de produción e a finais de outubro xa están desaparecidos. De mediados de maio a mediados de outubro sería máis realista.

2.     Os lexítimos pementos de Herbón xamais queiman na boca. Os cultivadores dos mesmos saben moi ben que pementos pican e elimínanos antes de sacalos ao mercado porque son conscientes de que tanto picante non gusta á meirande parte dos consumidores. Iso non impide que algúns piquen, pero de maneira moderada. De feito, o regulamento da denominación de orixe di: “Cata. aroma de intensidade moderada, de sabor doce, podendo ser lixeiramente picante.”

Váianse afacendo a pedir Pementos de Herbón