Chámanme dun xornal galego preguntando onde poden atopar información sobre o calendario de festas gastronómicas. E doulles a información, que non é ningún segredo. Despois preguntan a miña opinión sobre as próximas que van ter lugar en Galicia e aí si que non entro. Explícolles que non estou moi posto no asunto nin sei cales son as próximas e que, polo tanto, prefiro non falar sobre o que non coñezo a fondo.
O certo é que as festas gastronómicas chámanme pouco a atención. A meirande parte das que coñezo acostuman a ser moi recomendables como festa e pouco como gastronómicas. Pero no verán Galicia pide festa e hai que darlla, inda que sexa inventando a do pan con nocilla, que para moitos é prato tradicional da cociña galega: coñéceno dende sempre.





