Recoñezo que cando o vin a primeira impresión foi poñer cara de espanto. ¡A quen se lle ocorre fabricar en Galicia “tinto de verano, un produto tipicamente madrileño! ¡E a quen se lle ocorre vestir de lunares sevillanos a unha bebida fabricada en Chantada e chamarlle Lerele!.

Era inevitable un post sobre o asunto. Pero primeiro había que deixar repousar a cousa. E co repouso cheguei á conclusión de que se en Galicia se pode fabricar cervexa, poñerlle o nome do país na etiqueta e sentirnos orgullosos da súa calidade, porque non facer outras cousas que, ademais, parecen claramente dirixidas á exportación cara outras terras da península e non ao consumo galego. E finalmente cheguei á conclusión de que se hai un oco no mercado para o tinto de verano en lata, pois fai moi ben Hijos de Rivera, que fabrica esa cervexa da que tan orgullosos estamos os galegos, de poñer no mercado un novo produto, que seguramente axudará a que a empresa siga en mans galegas e con capital exclusivamente español. E so quedan en España dúas cervexeiras que non caeran en mans das multinacionais: Hijos de Rivera e a firma zaragozana que fabrica a Ámbar.

Eu non vou consumir Lerele, como non vou consumir ningún outro tinto de verán envasado, porque se me apetece esta bebida non teño máis que preparala ao meu gusto. Pero tampouco consumo as luras de Pescanova porque me gustan as luras fritas pero non o rebozado, nin as anguriñas da mesma marca nin tantas outras cousas que hoxe se producen en Galicia, e teñen gran éxito no mercado, sen ser propias do país nin inventadas aquí.

A min o nome do Lerele e os lunares do seu vestido seguen poñéndome carne de galiña, pero supoño que será cousa de acostumarse… o mesmo que ao ë de Citroën, da que tantos galegos viven.

Foto:www.laopinioncoruna.es