Co 25 de xuño chegou a estrea da segunda edición do Santiago(é)Tapas, o concurso no que participan 50 locais da capital de Galicia con 109 tapas, que se poderán degustar ata o 12 de xullo.

Na primeira sesión e con boa compaña visitei catro locais da primeira etapa (Praza do Obradoiro), nos que degustamos un total de nove tapas. O tomate, xurelo e sopa branca do Enxebre sorprenderá a moitos xa que no prato presentase simplemente un tomate pelado e cru sobre unha salsa branca. O peixe está dentro, lembrando un prato xa mítico en Compostela: o tomate kinder de Marcelo Tejedor.

A sardiña, que o ano pasado se converteu na gran campioa do concurso, volve a ter protagonismo nesta edición, neste caso mariñada e acompañada de xelatina de tomate (De Profundis). E se Ácio gañaba o concurso 2008 coa súa sardiña de San Xoán, que onte seguía na oferta de tapas do local (4 euros), este ano presenta uns chícharos con callos de bacallau e unha singular empanada de polbo seco e algas.

Completamos a ruta co revolto campesiño con pementos do convento de Herbón e o gazpacho de amorodos con perla de melón acompañado de torrada de queixo fresco con marmelada de tomate (De Profundis), pionono crocante de ibérico e corazón de mazá (Enxebre) e a tosta de salmón e o arroz mariñeiro do Caamaño

Foto tomada de www.santiagoetapas.com. Empanada de polbo seco