June 23rd, 2009Sardiñas, cereixas e amorodos por San Xoán
Cada 23 de xuño escribo sobre sardiñas. E ás veces sobre cereixas, que se agora en Galicia xuño é mes de sardiñas (os xornais levan días falando do incremento dos seus prezos) antes érao de cereixas. Cando meu pai era novo no Valadouro probábanse as cereixas o día de San Xoán, pero se hoxe quedan alí cerdeiras as cereixas posiblemente xa se comeron. Cousas, supoño, do cambio climático.
Agora xuño é mes de sardiñas. E non porque estean agora no seu mellor momento, senón porque dende hai poucas décadas este peixe non pode faltar ao pe das fogueiras de San Xoán, mesturado con churrascos e chourizos, que pouco a pouco vánse facendo donos da noite e ata pode que nun tempo non moi afastado acaben deixando as sardiñas en segundo lugar.
Di o refrán que “por San Xoán xa a sardiña molla o pan”. Un dito que anuncia que comeza a boa tempada deste peixe, que acadará os seus mellores momentos ben entrado o verán.
Xuño é agora mes de sardiñas como antes foi de cereixas e antes de amorodos, que se comían, penso que roubados, na cidade da Coruña despois das fogueiras de San Xoán, hai, iso si, arredor dun século.
Non volverei hoxe sobre o xa publicado nos últimos anos, que se pode ler aquí, aquí e aquí, pero aproveito para lembrar que en xullo, os días 17 e 18, Vilaxoán (Vilanova de Arousa), volve a festexar as sardiñas revenidas
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico






23 June 2009 a las 12:19
Non sabía o das cereixas, que casualidade! onte mesmo preparaba unha tarta de cereixa e améndoas para a sardiñada deste noite.