June 14th, 2009Requeixo a domicilio
Hai poucos días escribía sobre o requeixo con motivo da presentación do libro “Receitas con Requeixo” publicado pola cooperativa Campo Capela (non esquezades que teño un exemplar para sortear entre os comentarios publicados en Colineta) e hoxe volvo a facelo para presentar unha nova marca de requeixo galego: Lácteos Anzuxao.
Anzuxao é unha fabrica artesanal de queixo acollido á denominación de orixe Tetilla, pero que tamén produce queixos semicurados, tipo país e baixos en graxa, así coma o requeixo, que leva no mercado poucos días.
O requeixo de Anzuxao está a medio camiño entre o producido por Campo Capela, Arquega ou Lorán, máis líquidos, e o feito pola cooperativa do Condado-Paradanta en As Neves, que resulta moito máis sólido que o de Anzuxao, elaborado no concello pontevedrés de Lalín.
Este novo requeixo conserva tódalas cualidades de sabor e aroma do requeixo tradicional, pero resulta menos acedo que as outras marcas o que, xunto coa textura, o fai distinto aos comercializados ata o de agora. Se antes tíñamos no norte requeixo para comer con culler e no sur para facelo con garfo, agora temos a medio camiño esta nova marca que serve para unha cousa e outra.
Polo momento Anzuxallo produce menos de 100 quilos semanais de requeixo, elaborado con leite pasteurizada das súas propias vacas. Pero non o busquen en tendas e supermercados porque non van dar con el: so se vende por encarga e lévanllo á súa propia casa. Pódese pedir ao teléfono 986 794 135. Polo momento serven a toda a provincia de Pontevedra, a metade sur da Coruña, a zona de Chantada en Lugo e parte de Ourense.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico





