Agora si que os madrileños pode presumir de ter á man os mellores peixes e mariscos de Galicia. O 13 de maio reabriu as súas portas o Mercado de San Miguel, unha praza construída a comezos do século XX e un precioso exemplo, dos poucos que quedan na cidade, da chamada arquitectura do ferro. En San Miguel, ao pe mesmo da Plaza Mayor, os madrileños atoparán os peixes e mariscos que comercializa Lonxanet, unha empresa de economía social en cuxo accionariado están presentes varias confrarías de pescadores de Galicia.

Lonxanet abriu en San Miguel peixería propia, na que se comercializarán peixes e mariscos procedentes das confrarías de Lira, Cedeira, Muxía, Porto do Son, A Coruña e Cangas.

O valor agregado que a peixería ofrece segundo Lonxanet é a posibilidade de contar coa garantía de trazabilidade dos peixes e mariscos que ofertará ao público de Madrid, maioritariamente procedentes da pesca artesanal, caracterizada polo maior respecto á biodiversidade do medio mariño así como pola potenciación duns coñecementos e métodos de pesca tradicionais respectuosos co medio ambiente e as culturas locais.

Coa apertura deste punto de venda directa nunha praza como Madrid Lonxanet pretende buscar solucións ao principal problema do sector pesqueiro artesanal como é a comercialización. Achegando o produto das confrarías galegas ao cidadán e transmitindo ao mesmo tempo os valores de sustentabilidade e pesca responsable.