RúaMestura galego e castelán e este feito máis un acento raro deixa entrever que non se trata dun natural de Galicia. Fala na radio sobre a súa taberna, na que segue a vender cuncas de viño porque é unha tradición que lle gusta e lle desgusta ver como se perde irremediablemente.

Escoitándoo concordo na mágoa que supón perder o que durante moito tempo foi sinal de identidade dos galegos acodados na barra da taberna e penso se non queda no país un viño razoable que poida servirse en cunca sen caer naquela purrela ponzoñosa de antano. Habería que darlle unhas voltas a este asunto.

Como vou no coche, camiño da comida organizada en Cambre pola asociación de sumilleres Gallaecia, estou a piques de parar nun momento en que a sintonía da radio parece que se vai. Pero rápido se recupera e sigo a escoitar as razóns de Mohamed, un marroquí de Tanxer, para estar en Galicia e servir viño en cunca. O caldo non lle vai moito, asegura, pero vexo como lle escintilan os ollos cando fala do marisco.

  • ¿E como lle veu vostede os ollos se di que o ía escoitando pola radio?
  • Home Filomeno, vostede sempre á que salta. Iso é unha licencia poética, pero o certo é que as palabras de Mohamed se volven máis cálidas e vibrantes cando fala do marisco
  • Xa¡

Pois Mohamed, Moja para o seu público tabernario. Rexenta un dos reductos composteláns da cunca: o bar Calpe. Situado nunha pequena calexa á entrada da cidade vella, raro é o turista que pasa por alí. Eu fixen un día a foto que ilustra o post sen coñecer a historia de Moja… calquera día destes paso tomarlle “unha cunca de bo viño do Ribeiro“. Palabra.

Outras tabernas: